O Paiosaco ten 19 xogadores no persoal e varios a proba

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Fixo seis fichaxes, dos que cinco non pasan dos 23 anos

13 sep 2020 . Actualizado á 05:00 h.

O Paiosaco ten, do mesmo xeito que o Fisterra e o Bergantiños (os tres representantes da Costa da Morte en Terceira División Nacional de fútbol a próxima tempada), a confección do persoal moi encarrilado. A día de hoxe conta con 19 xogadores e ten outros a proba.

Non defenderán a camiseta verdibranca o lateral Bilal, que fichou polo Fisterra; os centrais Christian Iriso, que se incorporou ás filas do Sofán, e Popi, e os centrocampista Javi Fuentes, César Cotos e Álex Diéguez. Son seis as baixas por tanto. Ao contrario, renovaron polo equipo da Porta Santa trece futbolistas. Na portería, Rama e Mallo; na defensa, Gamallo, Edu Días, Beto, Ventola e Pablo; no medio do campo, Juanma, Josiño e Eiroa, e na artillería, Jesús Sayés, Iván Amor e Adrián Otero. No caso de Aythami, que ata o de agora formaba parte do centro do campo, pasa a ser preparador físico.

Ata o momento materializáronse seis fichaxes. O máis destacado é o central Nico Madero, con experiencia en Segundo B e en ligas internacionais, tras formarse na canteira do Celta. É o máis veterano dos catro, con 27 anos. Chega procedente do SD Pol, de Primeira Galicia. O extremo Jorge Modia e o mediocentro Jose Moure, do Atlético Bembibre (Terceira) e do Atlético Coruña (Preferente), respectivamente, e ambos con 23 anos de idade, xogaron na categoría. Os máis mozos son o tamén centrocampista Emilio Viqueira e o xogador de ataque Carlos Fernández, Litos, nacidos no ano 2001, e o lateral Adri Casariego, do 2000. Os dous últimos formáronse no Deportivo e, no caso de Casariego, tamén no Lugo. Aterran na parroquia larachesa de Lestón tras pasar polo Ural de División de Honra Xuvenil; o Deportivo, desta última categoría; e o Olímpico de Rutis, de Primeira Autonómica, respectivamente.

Juan Riveiro seguirá a cargo do banco por sexta tempada consecutiva, as mesmas que leva Carlos García na presidencia. Levan apenas unhas semanas de pretemporada e o obxectivo para a campaña que arrincará o 18 de outubro e que será a terceira na categoría segue sendo o mesmo: a permanencia, aseguran desde o club. Na pasada tempada ían pechacancelas, a 15 puntos da salvación cando quedaban 33 en xogo. O rendemento do equipo era bo, pero os resultados non acompañaban. Por diante queda unha competición, con novo formato (norte e sur) e, por tanto, máis curta. No conxunto téñeno claro: «Haberá que dar o 100% dende o principio ata o final», comentaba onte o directivo Luciano Mariño.