Estafan case 100.000 euros a un ancián vimiancés e á súa sobriña discapacitada

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Tres detidos e dous investigados nun operativo realizado pola Garda Civil

16 feb 2019 . Actualizado ás 08:39 h.

Tres persoas detidas e outras dúas investigadas. Ese é o balance, ata o momento, dun operativo desenvolvido por axentes da Garda Civil de Vimianzo. Todo comezou cando unha familia residente en San Fins, na parroquia vimiancesa de Cambeda, e integrada por un home de avanzada idade e unha sobriña, que sofre diversidade funcional psíquica de máis dun 70?%, contratou os servizos dunha empresa de Codesos, na parroquia ceense da Pereiriña, para acometer unhas obras na vivenda.

Tío e sobriña acudiron un día a xunto dun xestor para arranxar unha documentación relacionada co falecemento dun familiar que se facía cargo deles. Nese momento descubriron que se realizaron con cargo ás súas contas compras, contratos, transferencias e movementos de grandes cantidades de diñeiro a favor de terceiros. Os afectados puxeron denuncia ante a Garda Civil, que iniciou unha investigación.

No transcurso da mesma, os axentes solicitaron toda a documentación a unha entidade financeira. Para os investigadores, tras o falecemento do achegado que coidaba dos denunciantes, terceiras persoas «viron a oportunidade de lucrase á conta de dúas persoas vulnerables, producíndose nas contas bancarias grandes retiradas en efectivo, transferencias e préstamos, ademais de transaccións patrimoniais, nunhas cantidades que oscilan entre os 40.000 e os 100.000 euros», segundo a Garda Civil, onde sospeitan que houbo un claro aproveitamento das circunstancias persoais e da boa fe coa que actuaron os prexudicados para efectuar supostos movementos bancarios sen o seu consentimento.

Suposta mala praxe

No instituto armado falan de suposta «mala praxe» por parte de dous empregados de banca que traballan en Camariñas á hora de xestionar diferentes produtos financeiros dos damnificados, que vulnerarían a lexislación europea e española relacionada cos mercados de valores.

Neste caso, o test realizado aos denunciantes non se axustaría, presuntamente, en nada á realidade, chegando a habilitar e contratar fondos de investimento «a un cliente cun elevado grao de diversidade funcional psíquica» ou tramitar «un produto que vinculaba a súa rendibilidade á evolución do índice bolsista europeo nos próximos anos».

Un móbil por mil euros

Na súa declaración ante a Garda Civil, unha das vítimas fixo constar que un empregado do banco vendeulle un móbil, valorado en mil euros, que evidentemente «non sabía utilizar debido ás súas notorias facultades psíquicas evidentes e que llo cambiou a un taxista» a cambio de que o leva a casa.

No transcurso da denominada Operación Mifid, a Garda Civil de Vimianzo arrestou a un home, ao seu fillo e á parella deste último, vinculados, supostamente, a unha empresa de construción de Codesos (Cee), e investiga, de forma paralela, a dous empregados da sucursal do Banco Sabadell en Camariñas. Relaciónanos con suposta estafa continuada e falsidade documental. De feito, mantense aberta a investigación pola posible existencia de máis afectados na contratación de produtos financeiros complexos.