Ribeira lembra a todos «aqueles heroes que nos deixaron de forma abrupta»
25 oct 2025 . Actualizado á 20:07 h.Un ano máis, e xa vai polo quinto, Ribeira rendeu homenaxe ás persoas que faleceron na época máis crúa do covid, aqueles «heroes que nos deixaron dunha forma abrupta, aos que sempre lles tenderemos a man», afirmou unha emocionada Puri Cores, presidenta da Asociación de Amas de Casa.
O acto celebrouse xunto ao monumento da praza de España, onde a promotora da cita e a nova alcaldesa, María Sampedro, depositaron unha coroa de loureiro «en lembranza ás vítimas do covid». «A xente non morre mentres sigámonos lembrando dela», proclamou Cores, unhas palabras ás que seguiu un forte aplauso por parte dos veciños e representantes das forzas vivas do municipio alí reunidos.
Acto seguido interveu a rexedora, quen lembrou que a pandemia «marcou un antes e un despois na nosa historia». «Na nosa memoria están as persoas que perderon a vida na máis absoluta soidade e tamén as súas familias, que no puideron estar con elas. Isto é un acto de xustiza e de recordo», recalcou Sampedro, quen aludiu ao «consenso absoluto» que existe na corporación neste sentido.
Tras a ofrenda floral e o minuto de silencio, a alcaldesa volveu tomar a palabra para lembrar tamén aos sanitarios, persoal de servizos sociais e todos aqueles que coidan das persoas, que «traballaron a reo» nunha época moi angustiosa.
Entre os asistentes non faltaron o tenente de alcalde, Vicente Mariño; o exalcalde, Luís Pérez, e varios edís do BNG, así como o portavoz do PSOE, Francisco Suárez-Puerta, e concelleiros do PP. O presidente da asociación de empresarios, Francisco Martínez, e os patróns maiores das confrarías, entre outros, tamén acudiron á homenaxe.