O PP reclama no Senado o reforzo do cadro de persoal da Policía Nacional en Ribeira
RIBEIRA

A formación felicita aos axentes que actuaron en Artes pola súa profesionalidade e dilixencia
04 jul 2025 . Actualizado a las 14:08 h.O Partido Popular de Ribeira asegura que os recentes acontecementos na parroquia de Artes, onde unha pelexa tumultuaria volveu poñer en alerta a seguridade cidadá, evidencian a ineficacia e a parálise do Goberno central para garantir a seguridade en Ribeira. Indican que una das primeiras preguntas do senador Manuel Ruiz tras asumir a súa acta foi, precisamente a preocupante situación da seguridade na cidade.
A formación popular detalla que en novembro de 2023, o senador Manuel Ruiz, xunto coas súas compañeiras Rosa María Gallego e Verónica María Casal, trasladou ao Goberno central a súa preocupación pola falta de efectivos e recursos materiais na comisaría de Ribeira. As preguntas incidían na insuficiencia do catálogo de postos de traballo, a necesidade urxente de reforzar a Policía Científica, a carencia dun grupo específico de estranxeiría malia o tráfico marítimo internacional do porto, a falta de equipamento básico como cascos e escudos para os axentes, e a necesidade de contar cunha Unidade de Orde Pública (UPR) dado que Ribeira está a 70 quilómetros de Santiago, o que dificulta a rápida intervención en situacións de urxencia.
O PP expresa nun comunicado a súa disconformidade coas respostas recibidas por parte do Goberno. Considera que están cheas de evasivas e referencias xenéricas: «Evidenciaban xa daquela a falta de compromiso e a inacción do Executivo central para resolver unha situación coñecida por todos os veciños. Agora, tras os lamentables sucesos de Artes, confírmase o que Manuel Ruiz advertiu desde o primeiro momento: a parálise e a ineficacia do Goberno están a deixar desprotexidos aos cidadáns de Ribeira».
Deste xeito, o grupo popular no Senado reitera a súa esixencia ao Goberno estatal para que reforce de inmediato o cadro de persoal da Policía Nacional en Ribeira, dote aos seus axentes do material necesario para garantir a súa seguridade e a da cidadanía, e adopte medidas contundentes para frear o aumento de delitos e altercados na localidade, incluíndo unha UPR.
Ao mesmo tempo, trasladan o seu recoñecemento e felicitación aos axentes que actuaron con profesionalidade e dilixencia en Artes, «a pesar da falta de medios coa que desempeñan o seu traballo».