
Non pasou tanto tempo para que a memoria se esquecera de ver no porto de Ribeira ou de Aguiño homes e mulleres sentados, empapados pola chuvia, encolleitos polo frío do inverno ou asados baixo o sol implacable dos meses do verán. Estaban atando os panos das redes deterioradas de aquela abondosa frota do cerco que deu lugar á «aristocracia da sardiña» na nosa comarca e noutros portos como Portosín, Muros ou Cambados, A Guarda, Burela, Vigo e outros tantos do veciño Portugal.
E daquela ata hoxe mudou o lugar de traballo. Xa non teñen porque traballar á intemperie e contan con instalacións nas zonas portuarias onde exercer o seu oficio. Algo ganouse. A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao cifra en 327 as persoas que na actualidade están activas na comunidade autónoma. Arredor do 90 % delas son mulleres. Poñer límite á intrusión profesional, formar para obter relevo xeracional, mellora das condicións económicas, ou recoñecemento das enfermidades derivadas do oficio son algunhas das reivindicacións do sector.
O recoñecemento que o Concello de Ribeira, a proposta de Fernando Abraldes, concelleiro do Mar e mariñeiro, brindou as atadoras vén a visualizar a unhas profesionais mudas, pero indispensables para que a arte do cerco siga sostendo ás familias dedicadas durante varias xeracións a este oficio.
«O mar —di o vello adaxio galego— é femia», porque el dá a vida e rexenera a terra. As nove atadoras que foron recoñecidas en Ribeira son as rexeneradoras de esperanzas de mariñeiros e patróns que cada día saen a procura do sustento diario.