A Orquestra Sinfónica de Galicia actuará de novo en Ribeira

Ribeira RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Interpretará un repertorio de Mozart o día 7 de xuño e o custe da entrada é de tres euros

18 may 2025 . Actualizado a las 18:03 h.

No marco da programación cultural do mes de xuño en Ribeira terá lugar un novo concerto a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia. Terá lugar no auditorio o día 7 ás 20.00 horas. Dende o Concello indican que a proposta é posible grazas á colaboración da Deputación.

A Orquestra Sinfónica de Galicia foi unha das formacións coas que a área de Cultura de Ribeira configurou a programación inaugural do novo auditorio, en xuño do 2024. De dar a coñecer a actuación encargáronse membros do executivo, como a concelleira de Cultura, Antía Alberte, quen indicou que «haberá sobre o escenario máis de 50 músicos baixo a dirección titular do violinista Roberto González-Monjas. Ofrecerase un repertorio de Mozart».

Tamén estivo o edil socialista Francisco Suárez-Puerta, que agradeceu o respaldo da Deputación «por permitirnos a achega deste concerto de alto nivel». Pola súa banda, o rexedor, Luís Pérez Barral referiuse a actuación do ano pasado para dicir que «sabíamos que tíñamos unha débeda con tódolos ribeirenses, xa que na ocasión anterior houbo veciños que non puideron entrar».

O custo de cada entrada individual para acudir será de tres euros, dos que 0,50 son en concepto de comisión da entidade bancaria.