Velas brancas no mar e libros en terra para enxalzar a literatura desde Rianxo

RIANXO
A Inchadiña Branca partiu da vila para renderlle homenaxe a Castelao
27 jul 2025 . Actualizado a las 19:22 h.Rianxo, a terra que veu nacer a Castelao, Dieste e Manuel Antonio, pon en valor estes días a literatura a través dunha nova edición da Feira do Libro, un espazo para amosar e vender obras, pero tamén para encontrarse coas plumas da comarca e con outras chegadas desde máis alá de Barbanza. Na mañá do sábado, cando aínda as casetas estaban pechadas, o mar enchíase de velas brancas, nunha iniciativa estreitamente vinculada tamén co eido literario.
Quince embarcacións tradicionais partían da vila ás dez da mañá no marco da Inchadiña Branca a Vela, unha homenaxe ás xentes do mar, a Rosalía de Castro e nesta ocasión tamén a Castelao, coincidindo cos 75 anos que se cumpren do seu pasamento. Desde Rianxo, as dornas puxeron rumbo ao río Ulla, medrando en número coas que saíron a primeira hora da tarde desde a praia fluvial de Cordeiro.
Convocadas pola Fundación Rosalía de Castro, xuntas navegaron ata Padrón, para renderlle alí tributo á escritora do Sar diante a súa estatua situada no Espolón. Formaron parte da comitiva un volanteiro da Guarda (O Piueiro), un galeón do Ulla, unha canoa de Muros e un feixe de dornas.
Os convidados
Coas velas lonxe de Rianxo abrían na praza Castelao as sete casetas que integran a Feira do Libro, que recibían a escritores como Alba López Paredes, Cristina Carou, Amanda Seibiel, Montse Fajardo e Carlos Callón, que acudía para presentar Maxicamente vella, eternamente nova.
A feira impulsada pola Federación de Librarías de Galicia que desde o xoves se desenvolve na vila rianxeira chega hoxe ao seu fin. Para as 12.00 están previstas as visitas de Mar Rey, Rosa Suárez e Alfonso Barreiro; mentres que a partir das 18.00 sumaranse Eva Riobó, Josiño Araujo, Xosé Antonio Andrade e Fernando Cabeza Quiles.
A maiores, o programa cultura que se desenvolveu de forma paralela pecharase con Danza 3, espectáculo de baile e música tradicional que correrá a cargo da Agrupación Cantigas e Agarimos. Será ás 21.00 horas na praza Castelao.