Somos máis nós

Ciprián Rivas VELAÍ

RIANXO

Andaina Solidaria de Congalsa 2025
CARMELA QUEIJEIRO

Sen traballadores non hai futuro, inda que a nova corrente neocapitalista considere o contrario

09 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

semana pasada transcorreu entre andainas solidarias con persoas vestidas de diferentes cores ondulando pola costa de Arousa norte, por Aguiño e Rianxo. As ringleiras formadas por homes e mulleres, nenos e vellos, ofrecen a visión dunha comarca sempre disposta a dar resposta a situacións complicadas polas que nalgún momento da vida pasamos os humanos. Non está mal que as nosas empresas se comprometan neste labor e respondan a traveso da responsabilidade social corporativa, achegando á sociedade o que ela lle ofrece: recursos humanos para medrar e ser competitivos nos mercados mundiais. Sen traballadores non hai futuro, inda que a nova corrente neocapitalista considere o contrario. E o rico cada vez o é máis. E o pobre máis cara o fondo.

A segunda circunnavegación á terra (1525-2025) trouxo a Santiago Juega a Ribeira, para presentar no Ateneo o libro co mesmo título, publicado con ocasión da celebración dos cincocentos anos da expedición Loaísa, cuxo piloto maior era Elcano, saíndo da Coruña cando existía a Casa da Contratación da Especiería. Unha epopea esquecida pola historia española, que desde Galicia, os poderes públicos deberían reivindicar. Ah!, si foramos ingleses!.

O terrible naufraxio do pesqueiro Cartagena, acontecido no ano 1945, xuntou á confraría de pescadores de Carreira-Aguiño, á Asociación de Veciños de Carreira, a asociación Francisco Lorenzo Mariño e ao Club de Pensionistas e Xubilados do Mar e de Barcos de Santa Uxía nun acto público onde se veu que cando dúas parroquias se unen baixo un obxectivo común, somos máis nós.