Os 30 anos de servizo do cabo Fernández

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

RIANXO

José María, unha figura icónica en Rianxo tras décadas colaborando como voluntario, retírase

31 may 2024 . Actualizado á 20:23 h.

Seguramente non haberá moitos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado que poidan presumir dunha retirada con honras como a que onte brindaron ao cabo Fernández en Rianxo. El, en realidade, non ten unha carreira policial nin estaba a soldo do Ministerio do Interior, senón que o servizo público que prestou durante tres décadas foi como voluntario, un acto de xenerosidade que recibiu o premio que se merece cunha calorosa homenaxe tras colgar o uniforme e o walkie-talkie.

Cabo Fernández é o apelativo que polo que o chaman os axentes da Policía Local, pero a maioría dos rianxeiros coñéceno por José María, ou mellor, por Che María, ou policía. El é xa unha figura icónica do municipio, e a súa presenza en Campo de Pazos walkie-talkie en ristre, cortando o tráfico nunhas festas ou durante os enterros en Taragoña, repartindo bandos ou abrindo a antiga clínica da parroquia a primeirísima hora da mañá para que os veciños non tivesen que esperar a chegada do médico á intemperie están incrustados na memoria colectiva.

Dicía Antonio Tubío, Maneiro, ex xefe da Policía Local e promotor da homenaxe, que son tantos anos de servizo que é imposible acordarse de toda a axuda que prestou José María no seu tempo en activo. Aínda así, fixo un repaso por unha traxectoria que arrincou da súa man cando asumiu a xefatura do corpo municipal e que se mantivo ao longo de todos estes anos. Lembrou, por exemplo, que é o último pregoeiro de Rianxo, xa que, ademais de repartir os bandos municipais, informaba do seu contido de viva voz.

Entrega de agasallos

Tamén mantiña á veciñanza ao tanto dos enterros, e no corpo da policía considerábano «un máis» por unha razón moi importante: «Hai persoas que de forma natural fan o ben. El é unha delas. Dicía Aristóteles algo así como que a virtude está no punto medio entre os extremos, pero a virtude de José María está na súa bondade».

Maneiro interveu despois da entrega de agasallos ao homenaxeado, que como se dixo retírase coas botas postas porque seguiu ao pé do canón mentres a saúde llo ha permitido. O tenente de alcalde rianxeiro, Julio Alcalde, e o exregidor Pedro Piñeiro fixeron a José María entrega dunha placa de parte do Concello, mentres que os seus amigos das forzas e corpos de seguridade entregáronlle outra cos escudos da Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil, e recibiu tamén unha obra de Che Tembra co seu retrato forxado en ferro.

José María estivo moi ben arroupado na comida que se celebrou no Asador Barbanza. Os seus dous irmáns e outros familiares acompañaron a un sorprendido cabo Fernández que non esperaba semellante reunión e que se mostrou emocionado á súa chegada ao comedor. Á homenaxe non quixo faltar ninguén, e ata houbo quen se presentou de improviso para sumarse ao recoñecemento a quen durante tantos anos foi unha figura imprescindible do voluntariado en Rianxo. Membros da actual corporación e das pasadas, familiares e integrantes das forzas da orde en activo e xa retirados formaron o nutrido grupo de amigos que despediu con honras ao cabo Fernández.