Este ano, como dianteira, é a pichichi, con dez tantos en cinco xornadas
17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.Laura Gómez Abuín (Rianxo, 1996) é unha das almas do Unión feminino. Foi grazas á súa insistencia e perseveranza que o conxunto viu a luz hai tres tempadas. Disposta a xogar onde o técnico a precisara, chegou incluso a poñerse baixo paus. Este ano, como dianteira, é a pichichi, con dez tantos en cinco xornadas.
-Como está vivindo o arranque da competición?
-Está sendo algo difícil. Tratamos de facelo o mellor posible. Non nos poñemos como meta subir de categoría. Queremos adaptarnos e aprender. Hai xente que comezou de cero e iso leva tempo; teñen que adaptarse.
-Non foi o seu caso. Está en plena racha goleadora.
-[Ri] No equipo somos dúas rapazas as que xogamos ao fútbol dende nenas e temos que levar o peso. Non tiñamos unha competición na que xogar e decidimos crear un conxunto. Tivemos anos malos, pero abrímoslle as portas a calquera que lle guste este deporte. Non hai demasiada xente que teña esa iniciativa, menos no fútbol feminino.
-Xogou sempre no Unión?
-Estiven ata alevíns. Logo deixei un ano. Sempre me gustou este deporte e volvín. Pensei que podiamos facer algo.
-Non lle vai nada mal. Contra o Bamio marcou seis tantos.
-Hai que adestrar moito. Póñome moi nerviosa diante da porteira. Dinme que fallo moitos goles [ri]. Teño que pararme máis e pensar. Coas faltas, pásame igual. Nos adestramentos métoas, nos partidos non me atrevo.
-Sentiuse discriminada por ser muller nalgunha ocasión?
-En ocasións sempre metían antes aos rapaces, xogase ben ou mal. Eu xogo ao fútbol por min, non quero que ninguén me poña barreiras.
-Parece que o fútbol feminino goza de boa saúde na comarca.
-Semella que si. Creáronse moitos equipos, como é o caso do Carreira ou o noso. Nós tivemos que adaptarnos, eramos poucas no equipo, pero agora xa somos un grupo máis consolidado.