Outes rende homenaxe aos seus maiores cun incremento de participación e polbo «a esgalla»
OUTES
O goberno de Francisco Calo rescatou a misa de campaña previa á comida
26 oct 2025 . Actualizado á 19:15 h.Os maiores de Outes fóronse de festa. E fixérono co menú tradicional de empanada, polbo á feira —«a esgalla», precisou o alcalde— e carne ao caldeiro. E tamén con moito ritmo grazas ao grupo Elite, que se encargou de amenizar a xornada tanto antes como despois da comida, durante o baile.
O Xantar Tradicional celebrado no pavillón municipal foi toda unha homenaxe aos veciños de máis idade do municipio, tal e como destacou durante a súa intervención o rexedor, Francisco Calo, quen definiu o multitudinario acto como «un recoñecemento público a unha vida de esforzo e traballo» dos alí presentes, que son «memoria e historia de Outes». Compartiu con eles un desexo, o de «non perder nunca o interese polas cousas da vida». Animounos a saír e a relacionarse cos demais, invitándoos a participar en próximas convocatorias: «Para o ano máis e mellor», concluíu.
Unha das novidades desta primeira edición do goberno de Calo foi a recuperación da misa de campaña na praza de Galicia, que arrincou ao mediodía con boa afluencia. Antes, sobre as once e media da mañá, un autobús e varios taxis recollían nos seus domicilios aos comensais que non dispuñan de transporte para acudir a esta cita social e gastronómica dirixida a maiores de 65 anos.
Despois da misa, o grupo musical tocou unhas pezas e pasadas as dúas da tarde comezou a comida —servida polo cátering Valenciaga—, na que non faltaron os membros da corporación, da Policía Local, Protección Civil e da coral Francisco Añón, que se encargou previamente da misa cantada.
Este ano o evento reuniu a unhas 750 persoas. «Notamos un aumento nas inscricións, a resposta foi moi positiva e estamos moi contentos. Isto non é só un xantar, senón unha xornada de lecer na que os maiores poden verse, falar, compartir e recordar vellos tempos», recalcou o alcalde outiense.