
A Banda de Música e o Dúo Simant únense nunha actuación excepcional
03 sep 2025 . Actualizado á 16:51 h.O Liceo noiés prepárase para acoller este sábado, a partir das 22.00 horas, un concerto de excepción no que se darán cita unha parella de luxo. Por unha banda estará unha formación con máis dun século de historia que non parou de dar alegrías á vila, a Banda de Música de Noia; e, polo outro, o Dúo Simant, formado polo trompetista Rubén Simeó e o pianista Antonio Morant, que leva máis de seis anos cultivando éxitos en todo o mundo.
Efrén Rama, presidente da Banda de Música, non dubidou o eloxiar aos seus compañeiros nesta actuación, «dous músicos dun altísimo nivel que teremos o pracer de escoitar unha vez máis en Noia». Anunciou que se confeccionou un repertorio con pezas moi coñecidas por todos os públicos, e adiantou que haberá ningunha que outra sorpresa.
Tamén Martín Moares, director da formación musical noiesa, recoñeceu que é unha grande oportunidade para poder compartir escenario co Dúo Simant, e anunciou que será «un concerto fantástico», que ademais servirá de polo de atracción para que máis veciños anímense a formar parte da Banda de Música, así como da Escola de Música que se porá en funcionamento o próximo mes coa colaboración do Concello.
Na presentación deste concerto tamén se contou coa participación de Óscar Prego, presidente da Sociedade Liceo, que se mostrou encantado de pode colaborar neste tipo de eventos de gran nivel e cos que «podemos seguir mantendo en Noia unha cultura viva».
Referente
A recentemente nomeada concelleira de Cultura de Noia, Chelo Martínez, foi outra das asistentes á rolda de prensa, onde aproveitou para agradecer o importante traballo que xogan no municipio as dúas entidades noiesas.
«A Banda de Música leva máis de cen anos dando vida e música a esta vila, e son case cen os que leva o Liceo de Noia traballando pola cultura local. Non podemos senón ofrecerlles a nosa completa colaboración, e estamos máis que agradecidos pola súa labor», sinalou a edila.