Francisco Pérez, alcalde de Noia: «Recordo con especial cariño as festas de cando tiña 20 anos»

NOIA

Nada máis tomar posesión do cargo, o novo rexedor noiés tivo que poñerse mans á obra para pechar a programación dos festexos
21 ago 2025 . Actualizado a las 10:25 h.Este ano deuse unha situación anómala nas festas de Noia. A moción de censura que deparou un cambio de goberno coincidiu no tempo cos preparativos das festas de San Bartolomeu, o que obrigou ao novo alcalde, Francisco Pérez, e ao seu equipo a poñerse mans á obra para pechar a programación. Dos intensos días previos e dos festexos da súa mocidade fala o rexedor na súa primeira entrevista trala toma de posesión.
—O seu foi chegar e bicar o santo, como adoita dicirse, foi asumir o cargo e ter que pórse cos preparativos das festas. Foron días moi intensos?
—Foron días de moito traballo, non só polas celebracións, tamén por outro tipo de cuestións e problemas serios que tivemos que enfrontar. No que respecta á programación do San Bartolomeu, estaba máis ou menos deseñada, as grandes contratacións estaban pechadas, pero quedaba moita parte operativa e de loxística que faltaba por concretar, temas de seguridade, habilitación de espazos, produción dalgúns concertos, coordinación da montaxe e desmontaxe de escenarios...
—Que sensacións ten a poucas horas do inicio das celebracións?
—Creo que van ser unhas boas festas, había unha programación xa pechada, pero os grupos que veñen son importantes, coido van ser do agrado dos cidadáns e que van traer moita xente a Noia.
—Comenta que as actuacións xa estaban pechadas cando vostedes chegaron, que festas lle gustaría ver en Noia pensando xa no vindeiro ano?
—É certo que as contratacións máis importantes estaban xa pechadas, pero no mes pasado, estando na oposición, aprobamos entre todos os grupos un crédito extraordinario de 100.000 euros para poder facer as contratacións do San Bartolomeu e que puideran facerse as festas, así que nese sentido é responsabilidade de todos. O que a min me gustaría é ver unhas festas que tiveran en conta toda a diversidade de públicos, cun programa diverso e que defenda a nosa cultura e os nosos grupos, cunha presenza máis notable de artistas de Noia. Temos unha Banda de Música, conservatorio... Coido que é importante darlle presenza nas nosas festas á nosa xente. E quero tamén unhas festas que teñan seguridade para poder celebrarse con absoluta tranquilidade.
—Que é o que máis desfruta vostede das festas?
—Confeso que non son o máis festeiro, non me gustan demasiado as aglomeracións. Pero o que máis me gusta é ver que a xente está desfrutando das celebracións, e como alcalde aínda máis. Persoalmente, hai actuacións que particularmente me gustan moito, todo o que son grupos ou tributos da época dourada do pop español, por exemplo, ou de grupos clásicos como Queen, gústanme moito. Son un clásico nese sentido. Pero que haxa 5.000 persoas vendo a The Rapants é algo que tamén me gusta, ver á mocidade desfrutando dun espectáculo para eles.
—E cando vostede era mozo? Que recordos ten das festas da súa infancia?
—Hai dúas cousas que me veñen á mente. Por un lado, as festas que organizou Avilés de Taramancos cando era concelleiro de Cultura, alá polo ano 89, son unhas festas que teño moi gardadas na memoria, tiña 21 anos, estaba en plena efervescencia xuvenil. Recordo con especial cariño as festas de cando tiña 20 anos, posiblemente porque é a época na que as festas se viven con maior intensidade. E por outro lado tamén teño gratos recordos de actuacións que houbo en Noia en diferentes anos. Lembro con agrado grandes actuacións, coma un magnífico concerto de Miguel Bosé no Campo de San Alberto, ou cando viñera Amaral. Ao longo destes anos houbo actuacións moi boas organizadas por distintos gobernos das que gardo grandes recordos.
«Cando te enfrontas a un acontecemento así sempre hai tensión»
Ante o que será o seu primeiro San Bartolomeu como alcalde de Noia, Francisco Pérez adopta unha postura de responsabilidade e prudencia, consciente de que nunhas celebracións deste tipo hai situacións que poden ser difíciles de predicir. Con todo, confía en que durante as celebracións todo saia segundo o previsto e sexan un éxito.
—Que sente ante as súas primeiras celebracións á fronte do Concello?
—Aínda están por vivir, a sensación agora é de responsabilidade. Sei que vai haber moitos momentos nos que vou ter que estar como representante do Concello e tamén que poden ir xurdindo problemas que haberá que ir resolvendo día a día. As festas moven moitísimos recursos de todo tipo e en calquera momento pode xurdir algún contratempo, pero todo o equipo de goberno estamos traballando moi intensamente para que iso non suceda. Temos esa sensación de responsabilidade, pero é normal, é a sensación que pode ter calquera persoa á hora de cumprir o seu deber.
—Hai algunha cuestión que lle preocupe especialmente de cara ás celebracións do San Bartolomeu?
—Está todo máis ou menos controlado e definido, pero cando te enfrontas a un acontecemento coma este sempre hai tensión. Sabes que poden darse situacións que provoquen algún risco e hai que estar sempre alerta ante calquera posible problema, aínda que está todo organizado e estamos preparados.
—Hai moito traballo previo para evitar imprevistos...
—Moito. Como dixen antes, quedaba moita parte da operativa das festas que estaba sen definir. Incluso houbo que cambiar a localización dalgún dos concertos programados porque os propios artistas consideraban que o sitio previsto inicialmente non era o máis adecuado debido a cuestións de aforo e de seguridade. Estivemos traballando tamén en ofrecer alternativas para facilitar o aparcamento, que en Noia é un problema porque unha zona moi importante está ocupada polas atraccións. Buscamos alternativas para aliviar un pouco o complicado que pode ser estacionar durante as festas, sobre todo os días de maior afluencia.