David Neira: «Ata o día 18 temos que disputar cada voto»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA/ LA VOZ

NOIA

CEDIDA

A participación nas autonómica é unha experiencia máis para o presidente de Novas Xeracións de Noia

08 feb 2024 . Actualizado ás 20:39 h.

David Neira só ten 23 anos, pero pouco a pouco vai acumulando experiencia política, un ámbito que sempre lle interesou porque comprendeu de moi novo que é a maneira de facer que as cousas cambien a mellor. Dende o 2019 é o presidente de Novas Xeracións do PP de Noia e xa participou nas últimas eleccións municipais como número 9 da candidatura de Santiago Freire. Agora únese ao proxecto liderado por Diego Calvo para poñer o seu gran de area para que o seu partido gañe unhas eleccións que sabe que estarán máis disputadas que en outras convocatorias anteriores.

—Chegou á política sendo moi rapaz, que o decidiu a dar o paso de dedicarse a ela activamente?

—Meus pais viron que dende sempre tiven inquedanzas políticas e animáronme a que me unira a algún partido, e escollín o que considerei que máis representaba os meus intereses. Creo que participar activamente na política é a forma máis directa de axudar a cambiar cousas e a mellorar a miña vila e a contorna.

—Agora dá un paso máis formando parte da candidatura para as autonómicas, que o moveu a dar ese salto?

—É unha experiencia máis, que me dá a oportunidade de ver como funciona unha campaña a este nivel e de coñecer xente, e é tamén unha maneira de levar as inquedanzas dos veciños de Noia a outros estamentos do partido.

—É dirixente de Novas Xeracións, que políticas das que está a desenvolver a Xunta destacaría como as máis importantes para captar o voto da mocidade?

—Sobre todo políticas sociais, e fundamentalmente a gratuidade da educación, dende as escolas infantís ata as matrículas universitarias, e a potenciación da formación profesional, que estaba desprestixiada e que se está vendo que é moi necesaria e que abre moitos camiños.

—Como está vivindo esta campaña? En que maneira está participando?

—En Noia o que estamos facendo é organizar repartos de material electoral por distintos puntos do municipio, e estamos desenvolvendo unha campaña moi potente a través das redes sociais.

—Cre que o resultado do 18F estará tan axustado como sinalan algunhas enquisas?

—Son moi realista, as enquisas póñenme nervioso. Ata o día 18 temos que animar á xente a votar, temos que disputar cada voto.