Que supón para Barbanza a creación dun GES en Noia?

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A proposta de constituír un novo grupo de urxencias en territorio noiés beneficia, sobre todo, aos concellos da contorna

11 novs 2020 . Actualizado ás 14:07 h.

Hai uns días, a Xunta facía un anuncio que levaban anos agardando en Noia: a creación dun grupo de urxencias supramunicipal, estable e dotado do persoal e o material necesario para atender calquera tipo de incidencia no concello e a súa contorna. O que está sobre a mesa por agora é só unha proposta que debe ser aprobada por unha comisión da que tamén forman parte a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Deputación, pero dáse por feito que non haberá marcha atrás, tanto en Noia como no conxunto da súa comarca. Non en balde, os grandes beneficiados pola creación do novo servizo serán os municipios limítrofes. Estas son algunhas claves de como afectará a Barbanza o novo mapa de urxencias.

Por que é tan importante o anuncio da Xunta de Galicia?

Porque a atención das urxencias na comarca de Barbanza quedou colla cos cambios introducidos no mapa da Xunta no ano 2013, que consistiron na creación dun GES en Muros e a eliminación dos seus antecesores, os Grumir, en Ribeira, Boiro e Noia. Nestes tres concellos creáronse equipos municipais, con todo, os concellos da contorna, con menos recursos para manter un servizo deste tipo, quedaron desprotexidos.

Que cambiará agora?

Fundamentalmente, os tempos de resposta na atención das urxencias que se produzan nos territorios que lindan con Noia. O termo noiés estaba cuberto polo servizo municipal, mentres que Lousame e Porto do Son dependían das súas respectivas agrupacións de Protección Civil, do GES de Brión e dos bombeiros de Ribeira. Xa que logo, son estes concellos os máis beneficiados pola creación do novo equipo supramunicipal: «Que o GES de Muros teña que atender as emerxencias en Porto do Son é inviable, e Protección Civil chega a onde pode porque ten uns recursos moi limitados. Por iso cremos que isto vai redundar nun mellor servizo aos cidadáns», argumentaba o alcalde sonense, Luis Oujo.

Veranse minguados os recursos para urxencias no propio municipio noiés?

Ao contrario. En Noia prestarase o mesmo servizo que ata agora realizaba o grupo de urxencias municipal, só que estará mesmo mellor dotado de material. A principal diferenza é que agora os integrantes deste equipo tamén atenderán os incidentes que se produzan en Porto do Son e Lousame e que serán tres as Administracións implicadas no financiamento dos gastos. O rexedor noiés, Santiago Freire, destacaba o desafogo que suporá para as arcas locais: «Permitirá un aforro duns 100.000 euros ao ano e o reforzo dos equipamentos». A Xunta xa comprometeu a súa parte e só falta que a Deputación faga o propio: «Confiamos en que se concrete proximamente».

O de Noia será un GES como os demais?

Na súa estrutura e funcionamento si, pero terá unha denominación distinta. Freire explicou que os GES son grupos de nova creación nos que se parte de cero e realízase a contratación de todo o persoal, mentres que no caso de Noia o servizo xa existía e conta con profesionais cunha ampla experiencia que seguirán no persoal. De feito, moitos deles xa formaban parte do equipo que se disolveu no 2013 coa desaparición dos Grumir.

Cando estará operativo o novo equipo?

A comisión de seguimento dos GES, da que forman parte Xunta, Fegamp e Deputación, debe aprobar a incorporación de Noia ao mapa e logo hai que asinar un convenio, pero Freire calcula que a principios do 2021 podería estar xa funcionando.