Xandre Vázquez: O cérbero ao que a paixón levou á conquista de América

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O técnico noiés exerce como adestrador de porteiros na Barça Academy, situada no estado de Virginia

10 ene 2020 . Actualizado ás 19:08 h.

De Noia ao estado americano de Virginia. Ese foi o camiño, con paradas en Negreira, Outes, e A Coruña, que levou a Xandre Vázquez Estévez (Noia, 1996) á Barça Academy. A súa gasolina foi sempre a paixón: «Sen ela non vas a ningún lado, non hai progreso». Ten clara a súa meta, converterse en adestrador profesional de porteiros e vai ben encamiñado. Agora descobre un mundo novo nos Estados Unidos, sen pensar no futuro: «Mentres me siga movendo a paixón, o destino non importa».

O que virá é unha incógnita, o que si sabe é como comezou todo. «Empecei en benxamíns, como dianteiro, pero rematei atrás de todo», confesa entre risos quen foi cérbero en Noia, Santiago, Conxo e Compostela. Debutou en Terceira División co Negreira e recalou no Outes para poder compaxinar os seus estudos no INEF coa súa paixón baixo paus. Alí empezou oficialmente como adestrador de porteiros. Extraoficialmente, xa o fixo antes. Sendo un adolescente, cursando cuarto da ESO, xa adestrara ao irmán dun bo amigo: «Díxenlle, ‘veña vamos á Alameda’. Alí empezou esta afección».

Dedicarse á preparación de cérberos non lle pillou desprevido: «Orientei a miña carreira cara aí». Co obxectivo de que os rapaces que pasasen polas súas mans non só se centrasen na «parte técnica, táctica, ou física, senón tamén a psicolóxica. Hai unha cousa primordial, que son os valores. De feito, busco que os rapaces aprendan a ser humildes e a respectar ao rival».

O proxecto

Como traballo final de grao decidiu crear de cero unha aplicación específica para o adestramento de porteiros: «Nunca se fixera, segue crecendo, de momento para uso persoal, pero espero que nun futuro poida facilitarlle o traballo a outros. Permíteche adquirir datos que non podes facer no día a día».

Unha vez pechado o seu paso pola Universidade da Coruña, tivo a oportunidade de facer prácticas no Dépor: «Estou moi agradecido a todo o deportivismo. Acolléronme moi ben. Era para dous meses, pero quedei todo o ano». Alí compartiu vivencias e coñecementos co corpo técnico de Abegondo: «Fun pasando por tódolos conxuntos, dende a base ata o primeiro equipo».

Como principal alicerce desa etapa lembra a Manu Sotelo: «É un referente, aprendín moito del, pero tamén do resto de adestradores que estaban alí». O vestiario co que máis conviviu foi o do segundo equipo feminino: «Deixáronno nas miñas mans, adestraba con elas, a veces acompañado. Aprendín moito. Tiven un gran feedback».

Tras a súa etapa no conxunto branquiazul traballou en varios campus con Anxo Rico: «Fixémolos en Negreira, Ordes, e incluso Noia». Chegáronlle ofertas, entre elas as do Montañeiros e a do Orzán feminino, filial do Dépor, nos que adestrou durante unha tempada: «Unha persoa viume traballar e ofreceume ir a uns campamentos de verán en Estados Unidos».

O soño americano

Non dubidou en facer as maletas: «Eran seis semanas coa Barça Academy. Foi unha experiencia moi bonita. Cada semana íamos a un sitio diferente. Vino como unha oportunidade para viaxar, aprender e seguir medrando. Como adestrador nunca sabes todo, sempre tes que aprender e adaptarte ao novo».

O seu labor gustou e remataron ofrecéndolle un traballo na academia, o que lle levou a mudarse a Leesburg, a 45 minutos do centro de Washington DC: «Fixen balance e aceptei». Confesa que o estilo do deporte rei é diferente: «O deles é moi parecido ao fútbol americano. Sacan o balón cara arriba e corren os dianteiros. Na Barça Academy temos unha maneira diferente de traballar. Estamos adestrando persoas, non máquinas. Por exemplo, non lles dicimos a onde teñen que pasar un balón, senón que lles axudamos a que identifiquen o espazo, a oportunidade máis clara».

A filosofía desta escola encaixa á perfección coa deste noiés, quen vive o seu particular soño americano: «Non esperaba chegar ata aquí. Estar con 23 anos visitando Estados Unidos, con boas condicións laborais. Sempre digo que se tes claro o que queres facer, iso vaiche levar non ao lugar ao que ti queres, pero si a sitios mellores».

E soña con algún lugar para o futuro? «Loxicamente gustaríame vivir do fútbol en Europa, pero nunca se sabe». Non ten présa. A clave, persevera, pasa pola paixón: «Vaiche levar a un bo destino».