A imaxe de San Pedro saíu en procesión no día grande das festas patronais de Muros
MUROS
O municipio finaliza os festexos cun gran concerto
30 jun 2025 . Actualizado á 15:32 h.Como colofón para dar carpetazo ao mes de xuño, Muros vestiuse de gala para celebrar tres xornadas de festa, que comezaron o sábado coa conmemoración do Día do Orgullo. Non faltou o pregón para defender os dereitos do colectivo LGTBI, unha batalla de pos de cores e unha animada verbena a cargo da orquestra Escaparate e Disco Móbil Impacto.
O domingo, festividade do patrón do municipio, San Pedro, o santo foi o protagonista, e a súa imaxe presidiu a misa solemne celebrada na igrexa parroquial —que contou co acompañamento da coral Don Diego de Muros—, e á que logo seguiu a tradicional procesión polas rúas do centro histórico da vila.
Sesión vermú
As altas temperaturas foron as protagonistas das sesión vermú, que estivo amenizada pola orquestra Acordes, que tamén puxo a música na primeira parte da verbena. Tras unha espectacular sesión de pirotecnia, veciños e visitantes acabaron a noite bailando ao ritmo de Olympus.
As festas de Muros chegarán hoxe ao seu fin cunha xornada dedicada a San Lois. O programa de actos está protagonizado por unha serie de concertos que comezarán ás 22.30 na Praza do Curro. Polo escenario está previsto que pasen os artistas Xián Pais, Caamaño & Amexeiras, Boyanka Kostoya e Meu Cariño