Oito experiencias para gozar de Mazaricos e da Costa da Morte

S. g. ENVIADO ESPECIAL / LA VOZ

MAZARICOS

Picasa

18 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se hai algo que ten Fitur é que une aos políticos de diferentes cores en moi boa harmonía, xa sexan do PP, do PSOE ou do BNG. Ofrecen, sen dúbida, unha imaxe de unidade en aras da promoción turística, e ese respaldo tamén se viu onte en Madrid á hora de presentar un produto da entidade Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), que preside na actualidade o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco Riveiro.

Trátase de oito experiencias moi diversas (poden consultarse na web www.vivecostadamorte.com) que invitan a gozar a comarca dun xeito especial: surf, sendeirismo, multiaventura, ou por aire, por terra e por auga, ademais da información básica na que se detalla que ver na zona. Un traballo xa dispoñible hai un tempo, e no que a entidade Aptcm, que preside Pablo Canosa (tamén secretario da CMAT) tivo moito que ver.

Non son propostas comerciais; para iso, achéganse ao viaxeiro os datos de empresas que, nalgúns casos, xa organizaron paquetes, e o interesado deberá consultar datos, prezos, datas, ofertas…

Blanco destacou sobre todo a ampla heteroxeneidade de recursos dispoñibles. No tramo final, deu paso ao Camiño dous Faros, unha ruta en proceso de homologación grazas á axuda da Deputación, un detalle que agradeceron desde a entidade.

Subida ao Ézaro

O Gran Fondo Ézaro, unha proba cicloturista que se celebrará o 8 de xullo e que percorrerá os municipios de Mazaricos, Muros e Carnota, entre outros, demostrou que é moito máis que deporte, que o é: este ano intégrase na UCI Gran fondo World Series, na que a de Dumbría é a única das súas 21 probas que se celebra en España. A posta de longo da carreira do Ézaro foi a máis concorrida en intervencións, que foi dirixindo o xornalista Terio Carrera. Falou o exciclista Pedro Delgado, que coñece ben a zona por ter comentado as etapas da Volta e por ter acudido a percorrela. Volverá, porque xa se anunciou que será o padriño desta próxima edición. Considera que o enclave «é un cartón de presentación incrible».