
Despois de 13 anos á fronte do Concello de Lousame vaise e deixa un listón moi alto porque soubo xestionar por encima de ideoloxías e de obrigas partidistas
17 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.É recorrente a frase de Bertolt Brecht que di: «Hay hombres que luchan un día y son buenos. Hay otros que luchan un año y son mejores. Hay quienes luchan muchos años y son muy buenos. Pero hay los que luchan toda la vida: esos son los imprescindibles». Di moito, si, pero ten un defecto que ata non hai moitos anos pasaba inadvertido: a eiva de xénero, pero tanto pola igualdade como pola realidade que a historia e o presente se encargan de lembrarmos.
Teresa Villaverde é unha muller boa, mellor, moi boa e imprescindible porque encaixa en todos os perfís da frase de Brecht. Despois de 13 anos á fronte do Concello de Lousame vaise e deixa un listón moi alto porque soubo xestionar por encima de ideoloxías e de obrigas partidistas, xa que a súa militancia era Lousame, e por ela, permaneceu no cargo estes últimos anos a pesar dos problemas de saúde cos que lidaba día a día, moitas veces sen folgos. A pesar de todo, era quen de botar unhas risas no medio da dor e do malestar.
Ben puido Teresa facer outra carreira política máis cómoda, xa que desempeñou cargo na Administración educativa, pero aceptou o reto da xestión municipal, o corpo a corpo, como dicía un vello amigo nacionalista, esa proximidade que tanto che pode encher de orgullo como de desgustos, pero que a balanza acostuma a inclinar cara a primeiro prato.
Teresa Vilaverde pode marchar coa satisfacción do deber cumprido, porque loitou con todo e contra todo para conseguir a proxección de Lousame, en particular, e a comarca, en xeral, como atractivos destinos para o turismo e uns servizos básicos dos que adoecían.
A loita de Teresa non rematou e ten que sentir o alento de todos aqueles cos que se implicou e traballou arreo ata a extenuación.