
O municipio lousamiano é o único do Camino da Ría que non ten saída ao mar, pero, a pesar diso, a auga é un elemento moi presente e importante en todo o territorio
25 jun 2025 . Actualizado á 15:23 h.Lousame é o único municipio do Camino de Santiago da Ría de Muros-Noia na comarca que non ten saída ao mar, aínda que iso non quere dicir que non lle falte auga e que estea moi ligado a este elemento. Se non estivese tan presente, sería imposible que toda a historia que contén a localidade estivese rodeada dun verde intenso e explosivo.
O río San Xusto crea unha contorna ao seu paso por Toxosoutos que deixa impresionado a todo aquel que o visita. A casada escóndese detrás da igrexa que no seu día formou o mosteiro fundado no ano 1132. Unhas pontes de madeira permiten cruzar a canle e penetrarse máis nun lugar no que se respira aire puro e natureza polos catro costados.

Antonio Pompo, experto do Camino, considera que a variante de Toxosoutos é o mellor tramo de todos os Camiños de Santiago. Deste enclave, dixo que é un «lugar especial». Desde este punto tamén se pode pór rumbo ás antigas fábricas de papel, hoxe abandonadas pero dignas de visitar, de Fontán, fundada no 1863 polo ilustre matemático e xeógrafo Domingo Fontán, e a da Galiñeira, de dimensións máis reducidas que a anterior pero non por iso menos interesante.
Miradoiros e San Finx
Lousame ten pasado mineiro, xa que na década de 1880 o británico Sir Thomas Winter Burbury solicitou as concesións para extraer estaño en San Finx. A mediados do século pasado, as minas fixéronse famosas polo wolframio, xa que alí se podía atopar en abundancia e con moita pureza.
Hoxe en día, no lugar hai un museo que merece a pena visitar e no que se poden realizar visitas guiadas para coñecer toda a súa historia en profundidade, percorrendo os edificios que formaron parte do complexo e que se sitúan no antigo poboado mineiro.
Volvendo aos encantos naturais, o municipio lousamiano ofrece a oportunidade ao peregrino do Camino de Santiago da Ría de Muros-Noia de ver o mar desde unha perspectiva ben diferente. Acostumado telo ao lado, poderá contemplalo desde as alturas se visita ningún dos espectaculares miradoiros que hai na localidade. O do monte Culou ofrece unha impresionante panorámica da ría de Muros-Noia e no do pico Muralla, incluso se pode ver tamén a de Arousa, varias illas atlánticas e ao lonxe, Compostela.
E para repor forzas, o mellor é gozar da gastronomía de Lousame. Con gran presenza de produtos cárnicos e da horta, en calquera época do ano é unha garantía de éxito sentarse á mesa nun dos seus restaurantes. Imprescindible, comer un bo prato de cordeiro.