Carnota, máis que un hórreo

Ciprián Rivas VELAÍ

CARNOTA

Construído no 1768, houbo que amplialo no 1783 para engadir 11 pares de pes máis. Quedara pequeno para albergar o «diezmo».
Construído non 1768, houbo que amplialo non 1783 para engadir 11 pares de pes máis. Quedase pequeno para albergar ou «diezmo». Ciprián Rivas

Sábese que durante a Guerra Civil era a Administración relixiosa, asentada na casa reitoral, quen controlaba as reservas do almacenado, e procedía ao seu reparto en connivencia coas autoridades locais

29 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Aquel grupo de monxas da orde do Sagrado Corazón de Jesús movíanse apresuradas para poder visitar o conxunto arquitectónico composto polo hórreo, o pombal, a casa reitoral e a igrexa de Santa Columba. Ese día era de duro solleiro, pero elas animosas apuraban o paso para desfrutar do momento da visita, exemplo da arquitectura rural galega, do estilo fisterrán ou definido por outros como de Noia, mandada construír por Pedro Domingo Barcia, párroco de Santa Columba, ao arquitecto Gregorio Quintela, tamén autor do hórreo de Lira tan grande como o que tiñan fronte a elas.

Construído no 1768, houbo que amplialo no 1783 para engadir 11 pares de pes máis. Quedara pequeno para albergar o diezmo; é dicir, o 10 % que recibía a Igrexa das colleitas dos veciños. Sábese que durante a Guerra Civil era a Administración relixiosa, asentada na casa reitoral, quen controlaba as reservas do almacenado, e procedía ao seu reparto en connivencia coas autoridades locais.

As monxas, afincadas en Santiago, algunhas delas moi xoves, proceden de Ecuador, Arxentina, Colombia, Bolivia... Tanto elas como a recua de visitantes que nese intre chegaban ao enclave lanzaban expresións de admiración pola largueza desa recoñecida construción tirando fotografías que inmortalizan o instante.

A súa alegría ten como contrapunto o abandono da casa reitoral, co tellado fundido, que desafina coa distinción recibida polo hórreo como monumento nacional no ano 1973, baixo o decreto 449/1973 do 22 de febreiro polo que se procedía a protección estatal destas construcións, tanto en Galicia como en Asturias. Mágoa porque Carnota é máis que un hórreo.