Era o único tema de conversación onte en Carnota. Os veciños de máis idade non lembraban unha noite igual, na que as altas temperaturas non deixaron pegar ollo á maioría de fregueses. «Foi unha noite de demos. Uns tiveron que saír a fóra, outros abrir a neveira, algúns non paraban de suar... Aquí todo o mundo fala do mesmo», recoñeceu o alcalde de municipio, Juan Manuel Saborido.
Curiosamente, el foi un dos poucos que puido durmir a perna solta e rendibilizar o ventilador que colocou o ano pasado no teito do seu dormitorio. «Foi a primeira vez que o usei e estivo a traballar toda a noite. Eu durmín coma un Pepe», confesou o rexedor, que chanceou con que Carnota se unise á Champions das temperaturas máis altas de Galicia.
Efecto invernadoiro
«Sempre que se fala dos concellos con máis calor pensamos en Ourense, e competir con eles non é ningunha broma», apuntou. Aínda que Juan Manuel Saborido non é ningún experto na materia, explicou que a especial orografía do Carnota provoca que os termómetros sempre varíen varios graos —de máis no verán e de menos no inverno— con respecto aos municipios limítrofes.
O alcalde especifica que a localidade ten a forma dun val pegado xusto ao lado da estrada «e cunha praia de sete quilómetros e medio». A humidade que vén do mar non se disipa e queda flotando «facendo un efecto invernadoiro». «É o mesmo que ocorre coa brétema, fai coma unha boina por todo o concello e non ventila». Sexa por unha cousa ou pola outra, o certo é que a noite do martes Carnota foi a tixola de Galicia.