O goberno local aprobou en solitario a participación no plan provincial
24 oct 2025 . Actualizado á 16:06 h.O pleno da corporación de Boiro aprobou cos votos favorables do goberno socialista e a abstención da oposición (PP, BNG e Boiro Novo) a participación no POS+ adicional 4/2025, que inxectará no municipio 349.858 euros.
O tenente de alcalde, Luis Ruiz, destaca que o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña «estase a converter na salvación dos concellos á hora de levar a cabo inversións». Recalca que o organismo provincial emprega «criterios obxectivos» para a repartición duns fondos que no caso de Boiro superan os dous millóns de euros entre as distintas fases do POS deste 2025.
Durante a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de outubro tamén se deu luz verde definitiva ao Plan Forestal Municipal, cos apoios do PSOE, o rexeitamento de Boiro Novo e a abstención de PP e BNG.
Onde houbo unanimidade foi na renovación do convenio entre o Ministerio do Interior e o Concello para o desenvolvemento de traballos en beneficio da comunidade, así como tamén na bonificación do ICIO.
A moción do BNG sobre as liquidacións do plan parcial de Barraña non saíu adiante, ao contrario que a do PSOE sobre a proposta estatal de planificación eléctrica e Altri.