Estrelas e corzos na Fonte dos Ricos

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BOIRO

PEPA LOSADA

08 sep 2025 . Actualizado á 21:00 h.

Unha procesión de estrelas descendía desde o Alto das Forcadas deica a Fonte dos Ricos nun amencer de maio, cando o avó da nosa nai ía camiño do monte na procura de batume para estrar as cortes do gando. O home estaba parado na encrucillada da aldea coa eixada nunha das mans cando, pasmado, viu pasar por diante del a manda de astros luminosos cara á auga do manancial, que se nutría das correntes subterráneas que procedían de Novelle e de Loncres, correntes que lle daban ao líquido elemento un suave sabor a cuarzo e un frescor coma de xeixo volcánico. A nosa fontenla principal estaba e aínda está no mesmo lugar, a carón da horta dos Muñiz e das casas dos Catuxos e das Jaspacheiras.

 

Namentres apañaba o estrume na toxeira dos Catro Camiños, o vello non paraba de matinar sobre a fantástica visión que o sorprendeu coma un monllo de luz cegadora, que xurdiu diante del ao mesmo tempo que o abrente do día. Aínda se atopaba impresionado polo impacto luminoso da luzada, cando sentou na mesa para xantar coa súa dona e os seus fillos e intentou explicarlles o que lle acontecera nas primeiras horas da alborada. Nunca soubemos se os familiares máis próximos creron o seu relato ou se pensaron que estaba un pouco empipado.

 

Séculos máis tarde, tampouco nós sabemos con certeza o porqué de bautizaren o manancial co nome de Fonte dos Ricos. Nin tampouco se a visita do rabaño de estrelas é unha lenda ou un soño dos que sempre fomos soñadores de soños que nunca foron nosos. O que si é verdadeiro é que nunha ardente noite de agosto viches a imaxe do veciño Antón Pasitos Curtos. E este, avezado mariñeiro curtido en mil travesías alén dos nosos mares, contaba diante nosa como nunha madrugada do mes de xullo, cando volvía das festas de Boiro, albiscou unha grea de corzos abeberando no lavadoiro que enchían os canos da fontela. Segundo o Pasitos, estes cérvidos viñan do Bodión e marchaban para máis aló dos montes de Sandrenzo, desde onde acostumaban baixar ata o pequeno peirao nas noites de lúa chea do verán para escoitar os fermosos cantos e asubíos das sereas mariñas, seres mitolóxicos que frecuentaban os cons de Neixón e a Punta do Capitán.

 

Inda arestora seguimos sen saber o porqué do nome da fonte. E mesmo tampouco ninguén nos garantiu a certeza da presenza dos corzos. Pero naquela noite ardían os soños e acabamos evocando a muller do Rego. A eterna noiva do Pasitos. Esta, segundo temos ouvido, sostiña que o santo Sanmartiño entrou na nosa aldea levando un cabalo negro moi enfermo collido pola brida. Detívose na fontenla e o animal bebeu auga a pequenos grolos ata fartarse. Agradeceuno emitindo un débil rincho. Despois, santo e équido refuxiáronse na capela, aínda sen porta. Pernoitaron alá até que o equino, logo dun mes tomando a auga do manancial, curou totalmente. Foi este feito o que lle deu unha extraordinaria sona á auga da nosa fonte. E de tal xeito foi así que viñan xentes de toda condición e todos os sitios máis aló da contorna na busca do líquido milagroso, curativo. Mais ninguén nos puido confirmar que esta tese fose verdadeira. Pero tampouco que fose totalmente incerta.

 

Acercábanse xentes dacabalo, en carros e calesas, con cántaros de barro para levar o líquido elemento milagreiro para as súas casas. Como entre os que chegaban na procura del había xente rica, a muller do Rego pensaba que talvez por iso lle puxeran ese nome. En cambio, un veciño de entre nós, bastante escéptico con respecto a todas as posibles teorías habidas e por haber, cando o interrogamos sentenciou a cuestión deste modo: «Naquela época debía haber moitos ricos en San Martiño, mais talvez o que había eran moitos (bo)-ricos».