José Casais figura por fin entre os bos e xenerosos do concello de Boiro

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Xosé Deira recordou a historia de Casais durante a homenaxe polo Día da Galiza Mártir.
Xosé Deira recordou a historia de Casais durante a homenaxe polo Día dá Galiza Mártir. BNG DE BOIRO

O mariñeiro asasinado no 36 foi homenaxeado polo Día da Galiza Mártir

18 ago 2025 . Actualizado á 19:02 h.

Cando están a piques de cumprirse 89 anos do seu asasinato, José Casais García por fin figura entre os bos e xenerosos de Boiro. Os seus verdugos non quixeron que o seu nome quedara rexistrado en ningún sitio, pero agora loce gravado no monumento da rotonda de Cimadevila, erixido para manter viva a memoria dos que deron a súa vida en defensa da democracia, a liberdade e os dereitos do pobo.

Foi precisamente a defensa da xustiza o que lle custou a vida a José Casais, como se explicou na homenaxe que se lle rendeu en Cimadevila coincidindo co Día da Galiza Mártir. Este veciño de Mosquete estaba enrolado no vapor Alfonso Senra e a tripulación reclamou que levaba meses sen cobrar, feito que o capitán utilizou para acusar aos mariñeiros de desobediencia. O 11 de setembro de 1936 o barco foi apresado, e o 17 Casais e os seus compañeiros foron fusilados, sen xuízo nin probas.

Foron enterrados nunha fosa común sen lápida, pero o BNG e a Comisión pola Memoria Histórica do Barbanza quixeron restituír o seu nome e recuperar a súa historia como mostra da barbarie da represión tralo golpe do 36. «Non podemos deixar morrer os nosos mortos», repetiuse ante o monumento de Cimadevila nun acto que contou coa participación de Xosé Deira, a deputada provincial Sol Agra e a concelleira do BNG de Boiro Patricia Silva.