
O técnico dos barbanceses, Daniel Ozores, mostrouse contento polo traballo realizado ao longo do ano
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que durante algún tempo o Boiro xuvenil estivo pelexando polo primeiro posto do seu grupo da Preferente Futgal, finalmente acabou na terceira posición, ao empatar na última xornada e ceder a segunda, e agora ten que seguir pelexando para alcanzar a Liga Nacional na fase de ascenso. Hoxe, ás 17.00 horas, no campo de Valiño terase que medir ao Cented Academy «sen ningún tipo de presión de cara a subir despois de ter feito un bo traballo ao longo da campaña», asegura o técnico, Daniel Ozores.
O que non lle falta aos boiristas son «ganas, ilusión e confianza». Están seguros de que van competir ben e «loitar ata o final». Explica Daniel Ozores que o rival «é un bo equipo. Fixo un gran ano, sendo un dos conxuntos máis goleadores e que menos encaixou do grupo 2».
Apunta o adestrador que «teñen bos xogadores, tanto a nivel de talento como físico, xa que son fortes e rápidos». Pero como sinala Daniel Ozores, ao final van ser 180 minutos de eliminatoria: «A pesar de xogar na casa e asumir algo máis de risco, en sete días debemos ir a Ourense con opcións e que alí se decida todo».
Desde o primeiro equipo do Boiro animan aos afeccionados a apoiar aos xuvenís.