O Rotogal venceu ao Vitaldent Santiago CV Bruxas

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

Os de Emilio Palacio acabaron fabricando un marcador de 3-1

10 dic 2018 . Actualizado ás 21:39 h.

Necesaria vitoria para un Rotogal Boiro que viña de enfrontarse a un durísimo Emevé Lugo, o líder, a pasada semana. Os de Emilio Palacio volveron brillar onte na Cachada ante o Vitaldent Santiago CV Bruxas e acabaron fabricando un marcador de 3-1 (25-18/24-26/28-26/25-22).

O técnico aproveitou o encontro para probar xogadores e darlle minutos a nomes pouco habituais, pero que onte demostraron todo o potencial que levan dentro. O papel que xogaron Jesús, Pablo e David en ataque foi esencial.

«Estiven tranquilo durante todo o encontro, pero para nada foi un partido doado. Quería darlle oportunidades a todos», indicou o arxentino, sinalando que os rivais levaron un merecido set.

Jaime e Fran tamén tiveron os seus momentos sobre o parqué, nun choque no que apenas se viu a talentos como o de Díaz-Romeral, pero no que igualmente puxeron ao límite aos visitantes.

Seguir mellorando

«É complicado valorar a evolución do bloque pola diferenza de elección dos xogadores e a que houbo entre este partido e o anterior contra o Lugo», detallou o adestrador do Rotogal, á vez que recoñeceu que «aínda falta por axustar o equipo».

Neste sentido, Emilio Palacio xa ten a mente posta na próxima semana e a incursión en Oleiros, onde se verán as caras co pechacancelas. Despois comezará a segunda volta da tempada co Palencia e o 5 de xaneiro, a Copa Galicia.