O líder impuxo a súa lei na Alta para derrotar a un combativo Puebla
A POBRA DO CARAMIÑAL
O Negreira tirou de efectividade para levarse os tres puntos e seguir comandando a táboa con autoridade
07 dic 2025 . Actualizado á 19:04 h.Moi orgullosos acabaron no estadio da Alta do seu equipo, porque o Puebla demostrou que lle pode xogar de ti a ti ao líder da categoría. Pero no fútbol o que contan son os goles e o triunfo foi para un Negreira que se mostrou efectivo en ataque. Aos tres minutos adiantouse por mediación de Angelo nunha xogada polémica tras un saque de esquina, porque Juan queixouse dunha falta que o árbitro non sinalou.
Tocáballe aos branquiazuis ir a remolque desde o inicio e ante o mellor da categoría, un panorama para nada alentador. Aínda así, os barbanceses dominaron na primeira parte, movendo ben o balón e chegando á área rival. Segue faltando acerto á hora de finalizar as xogadas e iso estalles penalizando. Porque ocasións para marcar tiveron os pupilos de Juan Alfonso Vidal, Chofri, aínda que non as materializaban en goles.
Empate e mazazo
O Puebla non deixaba de chamar á porta e, a base de insistencia, acabouna derrubando pasada a hora de choque. Bendaña rematou de cabeza unha falta e regresou a igualada ao luminoso. Pouco lle durou a alegría aos locais e aos seus afeccionados, xa que catro minutos despois o Negreira púxose novamente por diante. Nunha xogada con varios rebotes despois dun paradón de Juan, sen que a defensa acertase a despexar a pelota, apareceu Gonzalo Suárez para mandar o esférico á rede.
En dúas chegadas o Negreira demostrara a súa pegada. Tivo unha terceira, tamén protagonizada por Gonzalo Suárez. O dianteiro plantouse só ante Juan e esta vez non estivo certeiro no remate. Os pobrenses seguiron buscando o empate que, polo menos, déselles un merecido punto. Non chegou e ao final acabaron lamentando unha vez máis a súa falta de puntería á hora de definir as xogadas de ataque.
FICHA TÉCNICA:
PUEBLA 1
Juan, Xenxo, Bendaña, Hugo, Chiño, Edu, Manu Sieira (Juan García, min 59), Óscar, Abi (Jose Piñeiro, min 59), Martín e Pedro (Fidalgo, min 48).
NEGREIRA 2
José Dacuña, Paco, Angelo, Joel, Alberto Freire, Martín Pereira (Mayán, min 81), Juan de Selia (Rulo, min 59), Xabi, Gonzalo Suárez, Adrián Pereira (Fabián, min 70) e Juan Diego (Puyu, min 70).
GOLES: 0-1, min. 3: Angelo; 1-1, min. 65: Bendaña; 1-2, min 69: Gonzalo Suárez.
ÁRBITRO: Diego Seoane, asistido por Julio Sande e Pablo Blanco. Amoestou a Hugo e Martín por parte do Puebla. No Negreira viu cartón amarelo Joel.