Código QR

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Un código QR sobre la mesa de una cafetería.
Un código QR sobre la mesa de una cafetería. MONICA IRAGO

A chegada do código QR facilitou moitos traballos de inspección, acceso e consulta. Permítenos entrar nunha web ou obter información dun monumento enfocando o móbil

10 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A chegada do código QR facilitou moitos traballos de inspección, acceso e consulta. Permítenos entrar nunha web ou obter información dun monumento enfocando o móbil. É unha ferramenta estupenda cando se utiliza para o que foi pensada. Pero hai un QR que non soporto. Chegou coa pandemia, cando o medo ao contaxio levou a eliminar os menús de papel. Pasou o perigo e, porén, o costume quedou. Falo dos restaurantes e bares. Podemos non levar o móbil connosco, non ter teléfono intelixente ou simplemente non querer utilizalo mentres comemos. E para moitas persoas maiores, ler unha carta nunha pantalla pequena resulta incómodo.

A carta en papel é outra cousa. Pódese coller, compartir e ler con calma. Non necesita batería nin conexión. Forma parte da propia mesa e da experiencia de comer fóra da casa. Pero hai algo máis importante: a relación co camareiro. Aquel «Que me recomenda?» abría unha conversa. Podía falar do peixe do día, da especialidade da casa ou da sobremesa que acababa de preparar o cociñeiro. Era información, pero tamén trato humano.

Xa o teño visto nas costas de Barbanza ou Fisterra. Gañamos velocidade, pero perdemos proximidade. Non teño nada contra o QR. É unha ferramenta excelente para ofrecer información complementaria. O que non comprendo é que se utilice para eliminar a carta tradicional. Non todo o que é tecnolóxico é mellor. Hai cousas que funcionan perfectamente e que, ademais, forman parte da nosa cultura.

Nun restaurante quero unha carta, unha mesa e unha persoa que atenda. Onde haxa unha socialización co persoal do establecemento, que se quite o QR.