Os feitos non teñen volta: nin no Barbanza nin en Galicia á Noite de Defuntos se lle chamou Samaín nunca
28 oct 2026 . Actualizado á 05:00 h.Teño sentimentos encontrados con chamarlle Samaín á Noite de Defuntos. Xa sei que hoxe en día hai que ter unha opinión forte sobre todo e con tanto prudente matiz non hai quen se viralice, pero voume explicar. Os feitos non teñen volta: nin no Barbanza nin en Galicia á Noite de Defuntos se lle chamou Samaín nunca. Que nome lle daban no tempo dos castros a esta festa estacional tampouco o sabemos, aínda que como calquera sociedade agrícola habíana de celebrar. E si que hai algo que nos conecta con aquel tempo: nas nosas sociedades atlánticas converxeron dúas tradicións contraditorias, a do catolicismo coa súa obriga de lembrar os defuntos e a pagá atlántica que considera que os mortos viven preto de nós e que en datas do ano como esta, as portas que nos conectan con eles están máis abertas que de costume. É por iso que as tradicións irlandesas, galesas ou galegas son tan próximas.
Pero nestes días hai xente que protesta porque xa non se celebra a festa dos defuntos como había anos. Home claro, tampouco andamos cun carro de vacas por Oleiros nin facemos velorios de corpo presente nas casas. Aquela era unha sociedade distinta da actual. O que nos desvela o misterioso éxito popular da denominación Samaín é que Galicia ten unha cultura resiliente que fronte á marea imparable da globalización halloweenesca é capaz de contrapoñer unha visión propia cunha mestura ecléctica de tradicións propias e foráneas que a fan nosa, igual que pasa nas festas do verán. Así que deixade a choradiña e celebremos este estraño éxito.