Latitude

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez CADERNO DE BITÁCORA

BARBANZA

O patrón do veleiro La Peregrina, manexando o astrolabio a bordo.
O patrón do veleiro La Peregrina, manexando o astrolabio a bordo. Martina Miser

Cando os navegantes se viron obrigados a afastarse do litoral, para non ficar perdidos tiveron que inventar un sistema que lles dixera onde se atopaban

18 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando os navegantes se viron obrigados a afastarse do litoral, para non ficar perdidos tiveron que inventar un sistema que lles dixera onde se atopaban. Ao menos, coñecer se estaban máis ao norte ou máis ao sur. Ou sexa; coñecer a latitude: a distancia que hai entre un punto da superficie terrestre e o Ecuador. E así xurdiron unhas cantas ideas.

A primeira delas foi a de utilizar as propias mans. Os que navegaban polo hemisferio norte coñecían a estrela Polar. E os do hemisferio sur, sabían que certo punto da Cruz do Sur, sinalaba o sur. Viron logo que, ao acercarse en dirección a tales astros, o ángulo que facían có horizonte ía aumentando. Entón, co seu brazo dereito estirado e o puño pechado, contaban cantas veces os catro dedos, desde o maimiño ata o índice inclusive, cubrían a distancia que separaba o horizonte da estrela Polar, de certo punto da Cruz do Sur ou do Sol cando, a mediodía (de aí o de observar a Meridiana = Mediodía), se atopaba no seu punto máis alto. Desta maneira, sabían se estaban máis ao sur ou máis ao norte do lugar de onde partiran.

Así pois, empezouse a coñecer que «a latitude viña ser a altura dun polo elevado sobre o horizonte». Entendendo como polos elevados: o Sol a mediodía, a Polar no hemisferio norte ou certo punto da Cruz do Sur, para latitudes ao sur do ecuador, tomando como referencia as estrelas Gacrux e Acrux e a súa prolongación.

Pero, como aqueles navegantes parvos non eran, e a súa supervivencia dependía de coñecer onde estaban, os árabes, a quen tanto debemos, idearon un aparello chamado kamal. Trátase dunha pequena táboa rectangular, cun burato no que se suxeitaba un cordel con nós. Cada nó representaba a latitude dun porto coñecido. Co brazo estirado e co cordel tenso entre os dentes, íase axustando a pequena táboa ata que os bordes inferior e superior coincidisen, respectivamente, co horizonte e co astro de que se tratase, ao tempo que se acurtaban ou estiraban os nós. E posto que se sabía que cada nó correspondía a un porto coñecido, o nó que ficaba na boca, coa corda tensa, dicíanos si estábamos ao sur ou ao norte do porto correspondente.

Despois chegou o astrolabio. Este sofisticado aparello foi inventado hai máis de dous mil anos e a saber por quen. Son famosos os astrolabios fabricados en Toledo e Granada alá polo século X. Co astrolabio, ademais de se poder medir a altura en graos dun astro (o ángulo co que o observador ve o astro en relación ao horizonte), ou coñecer a hora solar local (que nos da unha aproximación da lonxitude), incluso axudaba aos científicos a predicir os eclipses. O gran navegante que foi Colón levaba a bordo un astrolabio, un cuadrante e unha ballestilla, amais do Almanaque Regiomontano, polo que soubo que o 29 de febreiro de 1504 habería un eclipse lunar e, deste xeito, amedrentou aos xamaicanos. Pero iso é outra historia.

Do aparello chamado cuadrante, tan só diremos que vén ser unha variante menos sofisticada do astrolabio. E a ballestilla que chegou despois, consistía nunha vara de madeira graduada, cunha cruceta máis pequena que se deslizaba sobre ela, para darnos os graos de latitude sobre a vara. Ata que apareceu o sextante alá polo século XVIII que nos permite tomar ángulos non só verticais (coma co astrolabio e o cuadrante), senón tamén horizontais e con moita máis precisión.

Xa coñecemos a historia da latitude. E que foi da lonxitude? Diso falaremos no vindeiro artigo.