Os cadáveres de cemento

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Edificio en esqueleto en Barreiros, en imagen de archivo
Edificio en esqueleto en Barreiros, en imagen de archivo PEPA LOSADA

Unha das cousas que máis chocan a moitos visitantes que veñen a Galicia é que hai casas por todas partes

07 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das cousas que máis chocan a moitos visitantes que veñen a Galicia é que hai casas por todas partes. A elevada dispersión do país fixo que alá onde vaias atopes pequenos núcleos edificados, nos que realmente aínda vive bastante xente. E aínda que o tópico para falar do despoboamento se detén moitas veces nas vivendas tradicionais de pedra, o problema de verdade está noutro lado.

O problema realmente preocupante é un parque denso de vivendas construídas entre os anos 50 e 70 a base de tixolo, cemento, uralita, e calidades de construción dubidosas. Esas casas están agora a pé de estrada, ás veces separadas das propias aldeas, en terreos anteriormente agrícolas, e son como cadáveres que, ao seren aínda moribundos recentes, estarrecen moito máis. Como están próximas no tempo a nós, parécennos moi feas (porque o son).

No mercado, as vivendas que aínda poden valer algo son as casas de pedra antigas, pero todos estes xigantes de tres plantas cheos de frío, fillos do desenvolvemento, non os quere ninguén. Os seus propietarios tampouco teñen urxencia por vendelos e van collendo unha fasquía horrenda que aínda degrada máis o seu valor e converten o noso rural nunha especie de Bosnia e Hercegovina ao rematar a guerra civil dos 90.

Pregúntome se non sería interesante focalizar parte da solución da vivenda en Galicia en animar á venda a prezo razoable dese parque, ou á súa progresiva destrución. Pero polo que sexa nin se van vender, nin se van mercar, nin se van destruír. E deberiamos pensar por que.