Don Rufino Elesgaray era un vello capitán ao mando da, aínda máis vella, motonave Monte Arnábal. Nunha ocasión, atracados no porto de Santander, alguén se acercou ao barco preguntando polo capitán, e eu, alumno de náutica, querendo ser servizal, fun preto do camarote do «vello» (así se lles chama aos capitáns por novos que sexan, e máis aínda sendo vellos), e, vendo que estaba tombado, díxenlle ao visitante: «O capitán está durmindo». Pero deseguido apareceu Don Rufino quen, sen eu me decatar que me escoitara, díxome algo que non esquecín: «Muchachito, el capitán no duerme, descansa».
Cando no meu anterior Caderno de Bitácora citaba un dos románticos versos de Machado: «En el puente de su barco, quedó el capitán dormido», a un bo amigo, crego para máis sinais, faltoulle tempo para me dicir: «Si duerme el capitán, ya me dirás». E tiñan toda a razón, tanto el coma Don Rufino.
A figura do capitán é a máis representativa de todo o persoal navegante. Non temos máis que ver as denominacións que a súa figura tivo a través da historia. Xa a palabra capitán, do latín caput capitis (cabeza), nos da o carácter preeminente que ten o cargo de capitán. En Roma definíano como magister navis. Dos ingleses, líderes da navegación durante séculos, ven o nome de master, simplificación do termo master under god (o señor da nave despois de Deus). Xa vemos que máis aló non se pode ir.
O capitán, no exercicio da súa actividade a bordo, actúa como depositario da fe pública a bordo, e representante do Estado en actos civís. Así, pode casar en perigo de morte dun ou dos dous contraentes; autorizar o chamado testamento marítimo tanto aberto coma pechado ou custodiar os testamentos ológrafos que se lle entreguen, así como dar fe dos nacementos ou das defuncións. Así consta no Código Civil de 1889 que é o que segue en vigor con lixeiras modificacións.
No caso dos casamentos, posto que o capitán non ter porqué ser médico, pódese dar o caso de que unha muller ou un home digan: ai que morro! Para que o capitán os poida casar sen necesidade das previas amoestacións... Así que xa o saben.
Unha das cousas que máis se comentan en canto á figura do capitán, é a do abandono do buque. No chamado Código de Comercio Histórico de 1885, queda claro que, en caso de perigo, o capitán ten a obriga de permanecer a bordo «hasta perder a última esperanza de salvalo». Casos hai deles dabondo, anque sempre pode haber unha ovella negra que rompa esa regra sagrada, coma o triste caso do capitán do Costa Concordia.
Claro que, dentro das funcións de carácter civil do capitán, hai unha que, incomprensiblemente, non se lle quere recoñecer: a de actuar como presidente dunha mesa electoral a bordo, acompañado dun vicepresidente e dun secretario elixidos por sorteo, cando un barco está ausente de España. É como se a desconfianza que teñen os políticos entre eles, fora extrapolable á conduta do capitán e da súa tripulación.
Falando da tradicional autoridade do capitán, aínda me lembro dalgunhas medidas disciplinarias da Ley Penal y Disciplinaria de la Marina Mercante de 1955 (afortunadamente derrogada en 1992). Dicir que, naquela lei franquista, de carácter estritamente militar, os capitáns estaban facultados para levar ante as autoridades militares, aspectos de condutas marcadamente laborais que, tan só pola declaración do capitán, podía mandar a prisión ou meterlle unha importante sanción económica a un tripulante. Quero recoñecer que, ao amparo da dita lei penal, coma mal menor, tiven que suprimirlle a dose diaria de viño a un tripulante durante unha semana.
Non hai moito que, o dito tripulante, tomando uns grolos xuntos, confesoume que o cociñeiro seguíralle dando a ración. Seguramente o facía mentres o capitán descansaba.