A cuestión non debería ser simplemente quen paga, senón quen conserva
15 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Asistimos nas redes sociais e na rúa a unha crítica constante: a Igrexa non paga impostos e ten inmensos bens abandonados. Quizais deberiamos mirar con algo máis de perspectiva, e non falar unicamente da igrexa católica, senón tamén das outras confesións relixiosas.
Hoxe non hai tantas persoas que viven e traballan nas congregacións. Mosteiros, conventos, casas reitorais e edificios vinculados ao culto quedaron sen habitantes. E así comeza o abandono. Mentres hai culto nunha igrexa ou monxes nun mosteiro, alguén coida ese patrimonio. As pedras, as cubertas, as madeiras, os retablos, os claustros, forman parte da nosa historia e son un patrimonio do que todos podemos gabarnos.
A Igrexa ten beneficios fiscais, como a exención do IBI, pero igual que outros bens como os hórreos e demais BIC. A cuestión non debería ser simplemente quen paga, senón quen conserva. Temos exemplos do que sucede cando unha comunidade abandona un edificio e ninguén ocupa o seu lugar. Mosteiros como Monfero, ou igrexas e reitorais espalladas por Galicia, deben facernos reflexionar. Sen uso, o patrimonio esmorece e desaparece.
Precisamos repensar os usos destes inmobles, buscando actividades compatibles que garantan a súa conservación. Pero non podemos limitar a solución a traspasalos ás administracións públicas. Porque tamén temos demasiada experiencia de edificios que, unha vez recibidos pola Administración, quedan pechados, sen recursos e agardando o seu derrubamento.
O patrimonio non se conserva cambiando o seu dono. Consérvase cando ten vida.