Baixo perfil

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imagen de una persona utilizando la aplicación de Whatsapp
Imaxe dunha persoa utilizando a aplicación de Whatsapp MARCELO SAYÃO | EFE

Preocúpame e percibo con maior frecuencia que o nivel de comprensión e expresión escrita da sociedade parece baixar. Abonda con abrir un wasap. As palabras aparecen mutiladas, sen vogais, sen tiles, con abreviaturas imposibles e expresións que ás veces hai que ler dúas veces para comprendelas

08 sep 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Preocúpame e percibo con maior frecuencia que o nivel de comprensión e expresión escrita da sociedade parece baixar. E, curiosamente, canto máis novos son algúns, maior é a dificultade para comprender o que escriben. Abonda con abrir un wasap. As palabras aparecen mutiladas, sen vogais, sen tiles, con abreviaturas imposibles e expresións que ás veces hai que ler dúas veces para comprendelas. Parece unha nova forma de taquigrafía, sen regras nin necesidade aparente. Cando redactan un escrito oficial, moitos mesmo con estudos universitarios, son incapaces de escribir correctamente un texto e ordenar as ideas. Os erros ortográficos e as tiles desaparecidas son, ás veces, alarmantes.

No século pasado facíannos repetir as táboas matemáticas ata aprendelas, facer ditados e escribir redaccións. Pode parecer antigo, pero obrigábanos a memorizar, pensar, ordenar e expresarnos. Así se aprendía a manexar unha lingua.

Agora entregámoslles aos nenos tabletas electrónicas, libros que parecen xogos e aplicacións que lles resolven boa parte do esforzo. Gañamos velocidade pero perdemos algo esencial: a capacidade de pensar e expresarnos.

E non é unha cuestión de nostalxia nin de rexeitamento da tecnoloxía, senón de educación. Unha sociedade que non comprende ben o que le e non sabe explicar con claridade é moito máis débil e manexable. Podemos ter máis títulos, máis dispositivos e máis información, pero se cada xeración domina peor a súa propia lingua, estaremos formando persoas cun perfil cada vez máis baixo. Saber escribir non é un adorno, é a ferramenta para pensar.