Para aqueles que aínda collemos seguido o mes de vacacións, á antiga usanza, os últimos días de agosto son sempre melancólicos, como se viviramos na consciencia dun mundo que remata. Un síntese como un patricio romano sentindo chegar as hordas bárbaras ás portas de Roma ou como un músico da orquestra do Titanic cando ve asomar a fría auga do océano Atlántico pola porta do hall de baile. Nin o patricio deixaría de celebrar a súa suposta orxía nin o músico abandonaría esa melodía do Nearer, my god, to thee que se di que tocaron ao final, pero eses instantes terían un doce e agrio sabor do último.
En fin, non nos poñamos tan dramáticos, que non é para tanto. Tal e como están as cousas, retornar ao traballo a día de hoxe debe ser visto máis ben como unha felicidade ou un alivio. Eu hai ben de tempo, con todo, que decidín que a fronteira entre o lecer e o laboral non debía ser demasiado radical.
Si cambiar de xente, horarios, intereses e, no meu caso, territorios. Pero co tempo aprendín que establecer fronteiras absolutas entre o traballo e o lecer pode ser frustrante. Procuro que o traballo me constrúa como persoa e ademais me divirta, e que o lecer funcione coma un laboratorio I+D (investigación máis desenvolvemento) algo anárquico.
Isto é: que algunha das portas que abro nas viaxes, nas lecturas ou nas aventuras acabe valendo na miña vida profesional ou creativa. Isto non foi sempre así e houbo que aprender e sobre todo aprenderse, pero adoita ser posible. O que non nos quitará é a melancolía do derradeiro concerto do verán.