Escuridade

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Foto de archivo de un bajo comercial vacío en Rianxo
Foto de archivo de un bajo comercial vacío en Rianxo Elena Fernandez

Os escaparates sempre foron unha fonte de luz; non só para iluminar as rúas, senón para darlles vida

01 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata agora, pasear polas rúas era tamén mirar os escaparates, descubrir novidades, deter o paso diante dun vestido, duns zapatos, dun libro ou dun obxecto que quizais non necesitabamos. A xente paseaba polas zonas comerciais, conversaba e, entre unha tenda e outra, facía cidade.

Os escaparates sempre foron unha fonte de luz. Non só para iluminar as rúas, senón para darlles vida. Cada comercio era unha pequena xanela cara ao interior, un lugar onde había persoas, conversacións, traballo e relacións. Cando un comercio pecha, non desaparece simplemente unha actividade económica: apágase unha luz. Hoxe impulsamos a compra en liña en grandes plataformas internacionais, auténticas multinacionais que poden poñer calquera produto na nosa porta en poucas horas. É cómodo, sen dúbida. Pero deberiamos preguntarnos que estamos perdendo a cambio desa comodidade.

Cada compra que facemos nun comercio local axuda a manter unha persoa detrás dun mostrador, un emprego, un escaparate e unha rúa viva. Cada comercio que pecha deixa un oco. E cando os ocos se multiplican, a cidade cambia. Sospeito que algún día pasearemos por rúas sen escaparates, sen luz, sen xente. Rúas escuras pola noite, máis inseguras e máis tristes. Porque unha cidade non se constrúe só con edificios e iluminación pública. Constrúese tamén coas luces pequenas dos seus comercios. Quizais deberiamos pensar nisto cada vez que prememos «comprar» no móbil. Porque detrás dunha pantalla pode haber unha multinacional. Detrás dun escaparate hai un veciño. E cada vez que se apaga un escaparate, apágase un pouco a cidade.