O importante dun proxecto non é debería ser o grosor da documentación, senón a idea
18 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Étanta a normativa técnica que os nosos políticos aproban para construír un edificio que, cando un arquitecto remata un proxecto, o esencial queda enterrado baixo centos de páxinas de xustificacións, formularios e anexos. En síntese, palla. O importante dun proxecto non é debería ser o grosor da documentación, senón a idea, o espírito, aquilo que o arquitecto pensa e quere construír. O problema é que hoxe, para explicar unha idea, hai que atravesar un labirinto normativo no que as normas se multiplican, se solapan e moitas contradinse entre elas.
Dígoo como arquitecto: se tivese que ler e comprobar unha por unha todas as cousas que a normativa me obriga a escribir e asinar nun proxecto, probablemente non o asinaría. Non porque non queira cumprir a lei, senón porque se algún día ocorre unha desgraza, alguén poderá buscar entre esas páxinas unha frase, omisión ou contradición para utilizala contra quen a asinou.
Boto de menos os proxectos dos anos corenta e cincuenta do século XX. Resolvíanse con vinte páxinas e cinco planos. Alí estaba definido o edificio: comprensible e construíble. O arquitecto podía concentrarse no esencial: crear, deseñar e explicar.
Hoxe o arquitecto debe deseñar o edificio e a súa propia defensa fronte á normativa. Horas e horas para xustificar o deseñado, cubrir formularios e demostrar que se cumpre aquilo que nin sequera está claro. E así, a burocracia vai ocupando o lugar da arquitectura. Máis páxinas non significan máis arquitectura. Quizais deberiamos preguntarnos se tanta norma serve para construír mellor ou simplemente para escribir máis.