Veño de pasar uns días en Levante, que é un bo lugar para apreciar a escala do turismo masivo. Cando estás por Valencia, Alacante ou Murcia podes ver un volume turístico que vai máis alá do que estamos acostumados por Galicia. Non se trata só do número de persoas, senón como todo ese territorio acaba orientado cara esa actividade económica e profesional. Xestionar millóns de persoas precisa unha gran infraestrutura.
Non é moi politicamente correcto dicilo, pero o que os galegos consideramos saturación turística, nas comunidades turísticas do Mediterráneo serían días normaliños. Santiago ten números moderados comparados con Florencia ou Siena, pero a percepción do impacto na cidade é moito maior; cambia a nosa vida e non estamos acostumados. Isto podería ser un argumento para quen considere que Galicia ten máis capacidade de carga turística, pero non é así. Porque o incremento turístico sempre se fai a costa de alguén. París e Londres son exitosos destinos pero a forte diversificación das súas economías e a fortaleza política fai que sexan máis resistentes ao monocultivo turístico.
No Levante español, pola contra, as necesidades do sector acaban por orientar os investimentos económicos cara a rendible industria do lecer. Por dar datos: en Francia, primeiro destino turístico mundial, o turismo pesa o 10% do PIB pero en París, aínda que custe crelo, só o 3,5%. En Valencia o turismo representa xa o 20% da economía da autonomía. Predicir a quen nos imos parecer axuda a aclarar as cousas.