As presentacións

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imaxe de público nunha presentación literaria de Barbantia
Imaxe de público nunha presentación literaria de Barbantia MARCOS CREO

Fun espialas a ver se descubría a fórmula máxica, non a había

03 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día, un amigo estaba algo desgustado: á presentación do seu libro, feita nunha vila do país, acudiran só corenta persoas. Parecíanlle poucas.

A min deixoume impresionado e tamén un tanto podre de envexa: en Santiago de Compostela, corenta persoas nunha presentación do libro de alguén que non sae nunha televisión de ámbito español ou non vocifera en vídeos de Instagram petados de likes é case unha mobilización de masas. A media andará nas sete persoas, e un escritor en galego coñecido conseguirá unhas 25.

Non falta nesas presentacións un pouco bluf quen pontifique con que o formato das presentacións está «morto». Pero logo imos a unha organizada por Barbantia ou calquera outra dinámica asociación das comarcas do país e vemos os salóns de actos ben poboados e con caras interesadas. Pero as fotos de Facebook amosan que están cheos de calvas e canas, insisten para desprestixialos.

Vese que non asistiron á presentación dunha novela xuvenil de moda. Son libros que valen unha pasta e que, coas súas cincocentas páxinas, botan atrás a calquera adulto. Pois esas tamén están a rebentar.

Eu fun espialas a ver se descubría a fórmula máxica. Non a había. Era o de sempre: unha presentadora gabando o libro e unha escritora explicando, polo xeral de xeito bastante normaliño o libro. Nada que as diferenciada outras presentacións agás a idade media dos asistentes

Alí onde as presentacións cumpren unha función social, onde sirvan para achegar ou para conectar, funcionan. Por aí vai a cousa.