A gargallada

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Dibujos del concurso Curuxa del museo del humor
Dibujos del concurso Curuxa del museo del humor JOSE PARDO

O humor é a parte da cultura humana máis sensible aos cambios da cultura

27 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ooutro día fomos ver un monólogo ao Milladoiro e descubrímonos a nós mesmos botando unhas gargalladas destas que pensas que che van abrir o corpo en dous. Como o resto da platea facía o mesmo, un podía ceibarse e rir a gusto.

Ao rematar decateime de que había ben de tempo que non me ría desa maneira. Cada vez que atopas algo actual parecido a unha comedia nas plataformas pregúntaste se xa pertencerás a outra época, porque máis que riseira, a película é risible. Non sei nin como conseguen os montadores facer un tráiler convincente.

Pregunteime se terá pasado o tempo por min coma unha apisoadora, porque o humor é a parte da cultura humana máis sensible aos cambios da cultura. Proben ler algunhas das recompilacións de chistes de época romana: non se van enterar de nada e non porque falen dos seus deuses ou político.

Poden comprender todas as palabras dun conto latino sobre matrimonios ou xefes, e non saber onde lle está a graza. Xa non digo un deses libriños de chistes da décadas dos anos 60. Sacúdelos e sae caspa. Perdería o tren do humor?

Ou será que na sociedade actual xa non sabemos como rirnos en común? Cando foi a última vez que vostedes riron a escachar, sen cortarse e sen podelo controlar?

Non digo un sorriso máis ou menos sincero. Refírome a retorcerse das gargalladas, sen medo ao que dirán, incontrolados, chorando. Pois iso. Así que o espectáculo do Milladoiro foi un alivio ao constatar que non perderamos o gusto de rir. Se cadra haxa quen nolo queira roubar. Non hai que deixarlle.