Máis de 150 persoas uníronse á actividade da asociación para visibilizar o autismo
13 abr 2026 . Actualizado á 09:44 h.A pesar de que as nubes ameazaron con deslucir a xornada, o sol acabou gañando a partida este domingo para redondear unha andaina «marabillosa». Ao redor de 150 persoas camiñaron polo litoral de Ribeira, nunha cita organizada pola asociación Barbantea co obxectivo de dar visibilidade ao autismo e recadar fondos para a entidade.
A marcha, que partiu do parque García Bayón para enfilar o paseo dAs Carolinas, deixou unha das imaxes do día ao seu paso polo paseo marítimo de Coroso. «Incluso houbo golfiños acompañándonos», explica emocionada a presidenta da asociación, Patricia Halcón. O traxecto, deseñado pola súa sinxeleza e accesibilidade, contou en todo momento co respaldo da Policía Local e os servizos de emerxencia para garantir a seguridade dos camiñantes.
Pequena gran familia
Aínda que a participación foi algo máis discreta que en edicións anteriores, o espírito da xornada permaneceu intacto. «A xente que de verdade se interesa por visibilizar o autismo estivo aquí; somos unha pequena gran familia», apunta Falcón. O éxito tamén se trasladou á hucha da entidade, grazas tanto ás inscricións como ás doazóns e a unha xenerosa Fila 0.
O broche de ouro púxoo un sorteo cargado de colaboración local. Os participantes optaron a lotes de Eroski, estancias en Alda Hotels, plantas da florería Xuncos, artigos de puericultura de Trastiños e produtos de limpeza de Distrelemea, ademais do avituallamiento facilitado pola clínica Rebeca Flores e o supermercado Froiz.
Os fondos recadados terán un destino claro: financiar charlas informativas e formacións especializadas. Ademais, a asociación xa traballa nun ambicioso proxecto para pechar unha colaboración profesional con psicólogos que permita mellorar a atención directa aos seus socios e socias.
Tras esta «bonita e agradable» camiñada, a asociación pon xa a vista na formación deste sábado con Anabel Cornago. É o seguinte paso dunha directiva decidida a «seguir pelexando».