A escena final do filme Hamnet hai un detalle inesquecible que, ao tempo, debía ser moi habitual na Europa do século XVII. Un actor representa ao príncipe Hamlet da obra de Shakespeare no momento da súa morte. O público, conmovido, sente a necesidade de alongar os seus brazos e tocar a man daquel actor agoniante, nun emocionante aceno de empatía. Podería ser un exemplo poético dun fenómeno frecuente naquel teatro da Europa dos séculos XVI e XVII: as barreiras entre o escenario e a platea eran difusas e o público interpelaba, conmovido ou divertido, os actores. As fronteiras entre realidade e ficción eran difusas.
O domingo pasado, durante a representación do Hamlet do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela que dirixe Tito Asorey, unha muller berrou no medio da escuridade. Hamlet estaba iniciando o seu célebre soliloquio co «ser...» e a muller sentiu necesidade de completalo, engandido ela para todo o teatro: «...ou non ser!».
Seica nos últimos tempos, coa política do Centro Dramático Galego de traer autobuses de toda a comunicade ao Salón Teatro, estas interaccións do público suceden adoito. E seica algunha xente tamén se sorprende en voz alta cando a raíña vai beber da copa envelenada e hai quen quere advertila da trampa.
Aínda hoxe a nosa relación co teatro parece conservar algo desas raiceiras antigas nas que o diálogo entre o contador e o escoitador eran frecuentes. Aínda que tamén pode ser que, de novo, xa non deamos distinguido entre realidade e ficción.
Os tempos parecen apuntar a iso.