A torre da igrexa é determinante na silueta das cidades e vilas europeas. Podo poñer milleiros de exemplos en Europa nos que o perfil dunha localidade se recoñece a distancia pola presenza vertical da torre, e noutros casos polo volume compacto dun castelo que ordena a paisaxe e a memoria. Moitos poden interpretalo como símbolo de poder ou de preponderancia relixiosa ou feudal.
Pero máis alá desa lectura histórica, o verdadeiro significado é identitario: unha forma visible de pertenza, un signo colectivo que permite recoñecer o lugar antes mesmo de pisalo. É tamén, un signo vital! A silueta é unha linguaxe territorial, unha escritura no horizonte que fala de continuidade, de comunidade e de memoria. Por iso, en boa parte do continente, os plans urbanísticos limitan as alturas edificables para preservar esa referencia simbólica que organiza o espazo e tamén o imaxinario compartido.
Non sucede así en Galicia, onde custa recoñecer cidades como Ribeira ou Carballo pola súa silueta, afogada entre volumes sen xerarquía. O mesmo acontece en vilas como Santa Comba ou Rianxo, onde a acumulación construtiva oculta o perfil histórico e dilúe a identidade.
A paisaxe urbana convértese así nunha masa indiferenciada, un espazo onde a memoria perde forma e altura. Xa non recoñecemos o lugar: recoñecemos só a repetición. Non imos derrubar o que xa foi erguido, pero si podemos defender o que aínda conserva sentido, como Muros ou Corcubión. Preservar a silueta é preservar a conciencia do lugar. Sen horizonte recoñecible, a comunidade perde tamén a súa propia forma de mirarse