Agora que dispoñemos de hemerotecas dixitais, recomendo facer un exercicio inquietante: consultar os días previos aos inicios das guerras. Se un bota man dos xornais galegos por abril, maio ou xuño do 36, antes do fatídico 18 de xullo, apréciase claro o clima de violencia verbal e de tensión, mesmo nun país como Galicia que non tiña as cotas de enfrontamento de Barcelona ou Madrid.
Porén, se viaxamos á prensa europea de 1913 ou 1914, o ambiente dos medios era moi distinto: todos son bravatas, macarradas, caricaturas parodiando países e políticos, mapiñas con fronteiras esborralladas, proclamas de superioridade, exaltación dos militares, frivolidade de barbería.
Hoxe resúltanos inconcibible esa inocencia de monos xogando con pistolas. Como contaba Stefan Zweig, a esa xeración esquecéraselles as guerras do pasado. Pensaban que todo era un xogo. Logo todos tiveron que baixar os fumes ante o desastre no que meteron ao mundo.
O ambiente de 1914 contrasta co clima previo á Segunda Guerra Mundial. En 1939 a xente tiña a carnicería da Primeira fresca na familia e as imaxes da Guerra Civil española na retina. Naquelas portadas con Chamberlain e Hitler os textos eran tensos pero non triunfalistas: intuían que a segunda sería peor que a primeira.
Vexo que un século despois volvemos a 1913, entre monos con pistolas, matóns estúpidos e comparsas que axitan avespeiros. Só que agora hai unha gran diferenza: ninguén poderá no futuro xustificar a súa inocencia. Ninguén poderá dicir que non sabía.