Usuarios de Ambar exhiben os seus primeiros traballos con punta seca na colección «Acotío»
08 nov 2025 . Actualizado á 17:37 h.Hai tempo que ademais de gardar valiosos tesouros artísticos e servir de escaparate para difundir unha técnica aínda descoñecida, o Museo do Gravado de Artes empéñase en crear canteira a través duns talleres dirixidos a un público moi diverso. Entre quen se animou a manexar o tórculo atópanse un grupo de usuarios de Ambar, que quixeron así romper barreiras no mundo artístico.
Daniel Piñeiro, David González, Domingo Ruiz, Esperanza Silva, Javier García del Río, Juan Sampedro, María Eugenia Reiriz e Mónica Rial puxéronse nas mans do mestre gravador Pepe Míguez para descubrir os segredos da técnica da punta seca. O resultado do taller está agora ao dispor do público a través de Acotío, unha exposición que este venres abriu as súas portas no centro museístico de Artes.
A mostra está integrada por oito obras e busca pór en valor a capacidade creativa e o proceso artístico das persoas con diversidade funcional. O título elixido fai referencia ao carácter rutineiro da vida que os artistas transforman en algo especial e esencial, a través de pezas que xorden de motivos e sentimentos cotiáns ou fascinantes obxectos que teñen para eles un forte significado.
Xoán Pastor Rodríguez, director do museo, recibiu aos artistas e ao resto de participantes na inauguración, destacando o gran valor que ten para el esta colección, por quen é os protagonistas: «Aínda que nestes intres o museo está presente, a través de cesións, en varios países, esta exposición supera todo polo que significa». Destacou que as estampas son o resultado dun taller de só dúas horas duración.
Sobre a dificultade que entraña a técnica da punta seca falou Pepe Míguez, sinalando que o manexo do punzón require forza e moita precisión. Desde Ambar, Milagros Rey, a presidenta, e Manu Mimé, profesor de Arte, agradeceron a oportunidade brindada polo Museo do Gravado para seguir rompendo barreiras. Incidiu neste logro a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro.
A exposición complétase coas matrices e unha serie de fotografías que recollen todo o proceso artístico.