Persoal do centro de saúde da Pobra critica as condicións laborais dos sanitarios
BARBANZA
Numerosos veciños participaron nunha nova concentración para reclamar que se cubran de forma permanente todas as prazas de facultativo
24 oct 2025 . Actualizado á 15:57 h.Contratos laborais de días ou semanas e itinerando polos centros de saúde de toda a área sanitaria. Así é como están moitos médicos de atención primaria, e así o denunciaron este mediodía na concentración que tivo lugar diante do ambulatorio da Pobra, onde se volveron a reunir un gran número de veciños para pedir que se cubran de forma permanente todas as vacantes que hai neste consultorio.
Un dos sanitarios que traballa na Pobra colleu o micro para lembrar que, segundo distintos estudos, está demostrado que se un paciente é atendido polo mesmo médico de primaria durante 15 anos redúcese un 25% o risco de mortalidade, un 28% os ingresos en urxencias e un 30 % a hospitalización. «Este modelo que temos agora de maltrato persoal, con contratos curtos e itinerando por distintos servizos non só nos afecta a nós senón tamén aos pacientes porque reduce a calidade asistencial», criticou.
Por este motivo, animou aos veciños para seguir reclamando á Consellería de Sanidade que contrate de forma permanente a persoal para cubrir todas as prazas de médico de atención primaria da Pobra, onde actualmente está unha praza sen cubrir, e dúas están a ser atendidas desde este luns por profesionais de forma provisional.