Os concellos de Boiro e Noia presentaron as súas programacións de Samaín
24 oct 2025 . Actualizado á 17:12 h.Un ano máis a comarca prepárase para vivir a noite máis terrorífica do ano cun bo número de actividades dirixidas a todo tipo de públicos. O Concello de Boiro foi un dos primeiros en dar a coñecer a súa proposta para celebrar o Samaín.
A concelleira de Cultura, María Outeiral, en compaña dos voluntarios do grupo Turbina Martín López e Carlos Torrado, explicou que volverá organizarse, por quinto ano consecutivo, un túnel do terror. A cita lúdica terá lugar o venres, 31 de outubro, no local Leñaverde do centro social boirense, e primeiro haberá unha sesión dirixida ao público infantil —nenos de 6 a 12 anos— entre as 18.30 a 20.00 horas; e logo celebraranse dous máis para os maiores desa idade, unha de 21.30 a 22.30, e a outra comezará ás 23.00 e prolongarase ata a medianoite.
Segundo explicaron, o acceso ao túnel do terror será por orde de chegada e o percorrido realizarase en grupos reducidos. Desde a colectivo Turbina invitaron a todos os veciños a sumarse a esta divertida actividade, ademais de acudir disfrazado.
Tamén en Noia xa está case todo preparado para vivir unha noite terrorífica, aínda que neste caso o escenario elixido será o claustro da casa do concello. A partir das 20.00 horas do próximo venres abrirase ao público (maiores dos 10 anos), para que os máis atrevidos coñezan este tétrico espazo.
Ademais, ás 20.30 horas, haberá unha sesión de picadiscos na Alameda, outra en Ou Curro (23.00 horas) e a partir da medianoite celebrarase un paseo do terror polo centro histórico.