O hospital de Barbanza contará cunha ambulancia medicalizada para mellorar a atención urxente
BARBANZA
O conselleiro anunciou que se estuda ampliar os espazos do centro de saúde de Ribeira
21 oct 2025 . Actualizado á 15:42 h.Era unha demanda histórica, tanto por parte dos sanitarios como dos propios cidadáns de Barbanza, que desde facía anos reclamaban que o hospital comarcal puidese contar cunha ambulancia medicalizada para atender durante o traslado aos pacientes máis graves. A Xunta por fin escoitou a súa petición e inclúe nos presupostos para o 2026 este novo vehículo sanitario.
Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que se desprazou persoalmente ata Ribeira para anunciar a adquisición deste equipamento. «É unha ambulancia que responde ás necesidades desta área, avalada con datos que proporcionaron tanto a asistencia sanitaria como o 061», apuntou o representante autonómico, que cifrou a adquisición deste vehículo en 460.000 euros.
Gómez Caamaño repasou tamén ningúns dos grandes proxectos que se inclúen nas contas autonómicas, como as obras para mellorar a envolvente do edificio —que custará un millón de euros—, ou a adquisición dun novo mamógrafo (326.000).
Centro de día
Ademais, o conselleiro explicou que está en marcha o proxecto para contar cun hospital de día oncolóxico, «vaise solicitar antes de fin de ano a redacción do proxecto de obra cun investimento de 100.000 euros e contamos con 1,5 millóns para realizar a actuación». Gómez Caamaño sinalou que, sendo realistas, vía complicado que se inaugurase no 2026, polo que «o obxectivo é que xa comece a funcionar no 2027».
Ademais de repasar os presupostos do ano próximo, o titular de Sanidade tamén falou das últimas novidades que se conseguiron para o hospital de Barbanza, e que foron varias actuacións coas que se comprometeu na súa anterior visita. «Os profesionais sanitarios faláronme de dúas necesidades, que eran a falta de ecógrafos, e modernizar a sala de radioloxía que estaba realmente obsoleta. Os ecógrafos están licitados e adquiridos, e temos unha nova sala de raios robotizada que se complementa cun sistema de radioloxía dixital», sinalou.
Para rematar, lembrou que se aprobaron outras medidas para reforzar a atención sanitaria na zona, e entre elas está considerar a todos os profesionais de atención primaria como prazas de difícil cobertura para atraer xente á comarca. «Tamén falamos coa nova alcaldesa de Ribeira para ver a maneira de ampliar os espazos do centro de saúde actual, que neste momento están limitados», adiantou, para logo aclarar que esta medida será a curto prazo porque a Xunta segue comprometida con levantar un novo centro de saúde na capital barbancesa.