A devoción por San Campio traspasa fronteiras e atrae a fieis ata de León

M. L. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

O novo párroco de Santo Ourente estreouse nesta multitudinaria romaría

29 sep 2025 . Actualizado á 17:47 h.

A romaría de San Campio non coincidiu en domingo como o ano pasado, pero o nivel de asistencia non quedou atrás. De feito membros do dispositivo de seguridade do que forman parte Guardia Civil, Policía Local e Protección Civil de Outes quedáronse sorprendidos coa enorme afluencia rexistrada durante a mañá deste luns para honrar ao avogado do chamado mal cativeiro, é dicir, os problemas que afectan á cabeza. «Non contabamos con tanta xente», recoñecen.

E é que foi unha constante trasfega de persoas procedentes da propia parroquia de Santo Ourente, doutras do municipio e tamén de comarcas próximas como Barbanza, Muros ou Costa da Morte. E incluso da provincia de León, o que evidencia que a forte devoción por San Campio traspasa fronteiras.

Unha das novidades deste ano foi que as celebracións relixiosas estrearon párroco, xa que fai un par de meses que un sacerdote chegado de Sudamérica púxose a cargo da parroquia outiense. Nos oficios acompañárono outros cura da comarca.

A tradición mantense intacta. As misas sucedéronse durante toda a mañá, sendo a do mediodía a principal e máis multitudinaria. Non faltaron as habituais colas que forman os devotos de San Campio para realizar o particular percorrido, que comeza cunha visita ao santo, cuxos restos repousan nunha urna situada detrás do altar maior, no interior do templo.

Sete rodeos e nove golpes

Ao saír, os fieis cumpriron os outros rituais de rigor, consistentes en lavar a cara e as mans na fonte da ermida de Ou Rial, deixando despois o pano usado ao clarexo; posteriormente rodear en sete ocasiones o cruceiro e dar nove golpes coa cabeza a unha imaxe de pedra.

Conducidos por esta crenza chegan a Santo Ourente persoas de todas as idades, desde familias con nenos ata outras máis entradas en anos. Como toda romaría que se prece, despois das prácticas relixiosas non faltou a parte lúdica, na que os romeus puideron degustar o polbo á feira e gozar da música da man do grupo Garandoiro.

En canto ao dispositivo de tráfico, a estrada principal permaneceu cortada, quedando un aparcadoiro habilitado a uns 200 metros da capela. Desde Protección Civil apuntan que cada vez o grao de cumprimento é maior, pero aínda hai persoas que saltan os peches de viais.